Muralla, Gran
Fortificación situada en China, considerada como unha das máis antigas e monumentais de Asia. Destinada a protexer o territorio chinés das invasións dos pobos nómades do N, especialmente dos hunos, iniciouse baixo o goberno do Emperador Qin Shi Huangdi (s III a C), partindo da unificación de moitas das murallas xa existentes. Baixo a dinastía Ming (ss XIV-XVII) restaurouse e ampliouse ata acadar as definitivas dimensións, 6.000 km. A muralla comezaba preto do mar Bo Hai e continuaba ata o deserto de Gobi, seguindo o curso dos ríos e adaptándose aos contornos dos vales e montañas. Construíuse con terra, madeira e pedra e está formada por dous muros paralelos, interrompidos por torres, pasos e postos militares, que se uniron por medio dun camiño de considerable anchura de xeito que, ademais do seu valor defensivo, tivo un importante uso como vía de comunicación. Foi declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO en 1987.