Nimbos
Obra de Xosé Mª Díaz Castro publicada en 1961. Nunha reimpresión realizada en 1989 constaba de trinta e dúas composicións, divididas cos epígrafes “Pórtico”, “Noite”, “Lus”, “Espranza”, “Milagre”, “Sono” e “Ferida”. Incluída na corrente da poesía social ou comprometida, e marcada pola formación teolóxica do autor no Seminario de Mondoñedo, a obra móvese nos camiños da filosofía e da relixión. De feito, nas súas composicións aparece representado o eu poético no seu desexo místico da unión con Deus, nun marco de clara identidade galega e que se materializa coa paisaxe pétrea de Compostela. Asemade, poden observarse outros elementos ligados ao panteísmo galego precristián ou mesmo trazos da relixiosidade celta. Esta pluralidade temática e ese estilo para construír poesía entroncan ao autor con moitas das correntes literarias da posguerra, desde o paisaxismo humanista, pasando polas formas clásicas, ata a temática social. En canto á lingua, Díaz Castro emprega de forma purista un idioma culto, con influencia do portugués, e marcado polas voces dialectais da lingua galega que el mellor coñece.