Noé
Personaxe bíblico. Ocupa o décimo lugar da sistematización xenealóxica que vai desde Adán, epónimo da humanidade, ata o Diluvio. No momento do Diluvio, segundo a narración da Xénese, construíu unha arca, coñecida como a arca de Noé, onde se salvaron el, a súa familia e unha parella de animais de cada especie. No Diluvio, Noé representa o papel que, con outros nomes, tiña o heroe nas tradicións sumeria, asiria e babilónica. Atribúeselle a fundación da vila de Noia durante unha visita que fixo a Galicia para ver os descendentes do seu neto Túbal, supostamente primeiro poboador da Península Ibérica. Facéndose eco desta lenda, no escudo da vila de Noia aparece Noé metido na súa arca fitando pola única fiestra da mesma. Na iconografía aparece representado como un ancián de longas barbas brancas. Os seus atributos persoais son a arca, unha pomba e o arco da vella, entre outros. A súa festividade celébrase o 10 de novembro.