novela
(< ital novella)
-
s
f
Escrito que está destinado a deleitar o lector con narracións de aventuras heroicas ou ben con descricións de feitos de accións e de caracteres que queren, ou non, representar os da vida real.
-
[LIT]
-
novela naturalista
Novela que ofrece ao lector un marcado interese pola realidade e a natureza, e amosa unha estreita fidelidade a todo o natural, con trazos máis crús e acusados ca no realismo. Baséase nas doutrinas filosóficas en que a natureza pode ser entendida en si mesma sen recorrer a elementos externos. É. Zola, con Thérèse Raquin (1867), foi o autor máis importante do xénero. Seguidores seus foron Eça de Queiroz, con Os Maias (1888), F. Norris, con Mc Teague (1899), E. Hemingway, con The Sun Also Rises (1926) e W. Faulkner, con Light in August (1932). En España, en xeral, non se pode dicir que houbese un naturalismo pleno, a non ser no caso de V. Blasco Ibáñez, con La barraca (1898), se ben E. Pardo Bazán, con Los pazos de Ulloa (1886), O. Picón, Clarín e B. Pérez Galdós, con La desheredada (1881) poden ser considerados naturalistas nalgunhas das súas obras.
-
novela negra
Novela que xurdiu en EE UU na década de 1920, se ben ten a súa orixe nos catro relatos de E. A. Poe The Murders in the Rue Morgue (1841), The Purloined Letter (1845), Thou Art the Man (1850) e The Mistery of Marie Roget (1850). Baseada na estrutura e trama propias da novela policial, incide nos aspectos máis turbios da sociedade contemporánea, e identifica de xeito máis ou menos explícito os métodos e os obxectivos dos representantes da orde establecida e dos delincuentes. É típico o estilo conciso e sinxelo, o predominio da linguaxe coloquial e un realismo truculento. O detective presenta trazos psicolóxicos e morais característicos (desengano respecto da xustiza institucional, código ético rigoroso e vida pouco convencional e solitaria). O xénero acadou a madurez coas obras de A. C. Doyle e a introdución do detective con Sherlock Holmes, ao que seguiron H. Poirot, de A. Christie, Sam Spade, de D. Hammett, ou Philip Marlowe, de R. Chandler. O xénero estendeuse pronto a Europa (1945), especialmente a Francia, con J. P. Manchette, e Inglaterra, con A. Christie. A novela negra europea caracterizouse polo seu manierismo e a excesiva violencia dos relatos. Despois dunha época de crise nas décadas de 1970 e 1980, o xénero volveu con forza coa recuperación do estilo clásico e a aparición dun novo personaxe, o asasino en serie, que se ben existiu desde as orixes da literatura, nestes anos toma unha nova dimensión con Hannibal Lecter, de T. Harris, ou Patrick Bateman, de B. E. Ellis. En España só se pode falar de novela negra a partir dos últimos anos do Franquismo, con F. García Pavón, autor de El rapto de las sabinas (1969), M. V. Montalbán, con Tatuaje (1974) ou J. Madrid, con Beso de Amigo (1980). A novela negra galega ten como máximos representantes a Jaureguizar, autor de Comendo espaguetis diante da televisión (1998), Aníbal Malvar, con Á de mosca (1998) e Xabier López, con A vida que nos mata (2003).
-
novela pastoril
Novela cultivada no s XVI en que se idealiza a vida do campo e na que aparecen personaxes de distinta condición social. Próxima ao bucolismo dalgúns autores latinos, confírmase como a expresión do espírito renacentista con influencias italianas. De feito, quen inaugura este xénero é o escritor italiano Sannazaro, autor de Arcadia (1503). Na literatura española cómpre salientar a obra do autor de orixe portuguesa Jorge de Montemayor, Los siete libros de la Diana (1558-1559), á que seguiron Diana enamorada (1564), de Gaspar Gil Polo, Pastor de Filida (1582), de Luis Gálvez de Montalbo, La Galatea (1585), de Miguel de Cervantes, e La Arcadia (1598), de Lope de Vega.
-
novela picaresca
Novela xenuinamente española que retrata a vida e costumes de nugalláns, argalleiros e pícaros. É unha vida vulgar, sen ambicións heroicas nin aspiracións futuras. Os seus personaxes buscan saír do paso e gañar con boas ou malas artes un pobre sustento. A obra preséntase estruturada como unha falsa autobiografía, narrada en primeira persoa desde unha dobre perspectiva; como autor e como actor. A intención destas obras é satírica, se ben pretende transmitir unha ideoloxía moralizante e pesimista. A picaresca española exerceu unha influencia notable na narrativa europea do seu tempo, como en Der Abenteuerliche Simplicissimus Teutsch, de Grimmelhausen (1669), Moll Flanders, de D. Defoe (1722) ou Histoire de Gil Blas de Santillane de A. R. Lesage (1715-1735). Os dous mellores exemplos de novela picaresca son El lazarillo de Tormes (1554), anónima, e La vida del Buscón llamado don Pablos, de Francisco de Quevedo (1603). Outras obras representativas do xénero foron Vida del pícaro Guzmán de Alfarache, de M. Alemán (1599), Vida del escudero Marcos de Obregón, de Espinel (1616) e Rinconete y Cortadillo, de Cervantes (1613).
-
novela por entregas
Novela de longa extensión que se publicaba, amodo de folletín, en moitas publicacións periódicas do s XIX e de principios do s XX. Cunha calidade literaria discutible, desenvolvía as peripecias de personaxes contemporáneas con trazos melodramáticos.
-
novela psicolóxica
Novela que describe, sobre todo, conflitos espirituais e psicolóxicos. As reaccións dos personaxes analízanse polo miúdo, ben seguindo o fío dos pensamentos (monólogos), ben transcribindo textos, como diarios íntimos ou cartas, que son escritos polos personaxes. Xurdido no s XIX, este xénero ofrece abundantes exemplos de realismo subxectivo. O escritor psicolóxico segue un proceso de desdobramento e desenvolve a capacidade de observar o panorama interior dos personaxes. As primeiras grandes novelas psicolóxicas son de I. Svevo, autor de Una vita (1893) e G. Simenon, con Le chien jaune (1932), se ben os autores máis importantes foron F. Dostojevskij, con Bednyje l’udi (Pobre xente, 1846) e Stendhal, con Le rouge et le noir (1830).
-
novela realista
Novela que se axusta fielmente á realidade sen engadir ningún elemento embelecedor ou idealizador. As súas características esenciais son a limitación dos elementos fantásticos, a ambientación real, o emprego da linguaxe cotiá e a verosimilitude. Difundida por Europa no s XIX, pretendía describir situacións e personaxes cunha obxectividade e impersonalidade case absolutas por parte do escritor. Foi unha reacción fronte ao romanticismo, e derivou, por unha banda, da preocupación social que se orixinou a partir da revolución de 1830 en Francia, e pola outra, polo auxe do positivismo e das ciencias experimentais. Os iniciadores foron os novecentistas H. de Balzac, con Scènes de la vie parisienne: sarrasine (1831) e G. Flaubert, con Madame Bovary (1857), se ben o máis representativo foi a serie de 85 novelas La comédie humaine, do propio Balzac (1842). Algúns escritores destacados foron J. Austen, con Mansfield Park, (1814), os irmáns Goncourt, con Renée Mauperin (1864), Tolstoj ou G. Eliot. En España o realismo orixinouse pola revolución burguesa de 1868. O primeiro exemplo do xénero foi La Gaviota, de Fernán Caballero (1849), ao que seguiron obras de Juan Valera, con Pepita Jiménez, (1873), José Mª de Pereda, B. Pérez Galdós, Clarín, autor de La Regenta (1884), Octavio Picón, V. Blasco Ibañez, con Cañas y barro (1902) ou P. Baroja, coa triloxía La lucha por la vida (1904-1905).
-
novela rosa
Novela que naceu no s XIX. De tema fundamentalmente amoroso, os seus personaxes teñen como eixe principal das súas vidas unha paixón incontrolada que focaliza a acción do texto. Caracterízanse por ser novelas claramente estereotipadas e cunha liña argumental que se repite desde as súas orixes. Os seus antecedentes están na novela sentimental dos ss XVI e XVII, se ben foi a novela Pamela, de S. Richardson (1740), a que sentou as bases do xénero. As figuras máis importantes foron Barbara Cartland, con The Scots Never Forget, e F. Barclay, con The Rosary (1910). En España popularizouse a comezos do s XX coas obras de R. Pérez y Pérez, autor de Los caballeros de Loyola (1929), se ben foi Corín Tellado a figura máxima do xénero. Outras autoras destacadas foron Carmen de Icaza, con Cristina Guzmán, profesora de idiomas (1936), Mª Luz Morales, con Amor en el camino (1944) ou María Teresa Sesé, con Amores imprevistos (1957).
-
novela social
Novela que trata de representar a situación e a maneira de vivir ou reaccionar dun grupo ou clase social, e facer unha crítica ante as inxustizas e desigualdades. Xurdida a mediados do s XX, caracterízase pola súa complexidade, cunha gran cantidade de personaxes que cruzan as súas vidas e accións e ofrecen un amplo panorama da sociedade, que é a verdadeira protagonista da historia. As primeiras experiencias de novela social están en autores como F. Trollope, autor de Michael Armstrong, The Factory Boy (1839-1840) e C. Dickens, con Oliver Twist (1837), aínda que tamén destacan Miguel Á. Asturias, con Viento fuerte (1950), V. Pratolini, con La domenica della povera gente (1952), R. Sánchez Ferlosio, con El Jarama (1955), E. Vittorini, con Diario in pubblico (1957) e Camilo X. Cela, con La colmena (1951), a figura máis destacada da novela social en España.
-
s
f
Xénero literario que está constituído por ditas narracións ou descricións. A novela é un xénero tardío nas literaturas clásicas. Sen contar algúns posibles antecedentes en grego, o primeiro texto que se acepta coa denominación de novela é un fragmento dunha obra que debeu ser bastante máis longa, o Satiricón de Petronio (s I), que constitúe unha obra marxinal respecto ás outras novelas antigas, como O asno de ouro de Lucio Apuleio (s II) en latín, e, en grego e en orde cronolóxica, As aventuras de Quereas e Calirroe, de Caritón de Afrodisia (finais do s I), Efesíacas de Xenofonte de Éfeso, Babilónicas de Xámblico, e Amores pastorais de Dafne e Cloe de Longus (s II). Nos ss II e III destacan As aventuras de Leucipo e Clitofonte de Aquiles Tacio, e as Etiópicas de Heliodoro de Émesa. Estas obras pódense clasificar como novelas de amor e de aventuras. Malia as diferenzas que se poden establecer entre elas, as novelas gregas forman un grupo homoxéneo, que se caracteriza polo seu idealismo fronte ás latinas. Coa novela antiga conectou, no Renacemento, a que se deu en chamar novela moderna. A outra tradición narrativa importante que culminou no Renacemento foi a novela de cabalarías, con títulos tan significativos como Tirant lo Blanc ou Don Quijote de la Mancha, e que se remonta a modelos medievais que presentan elementos difusos de influencia clásica fixados noutras tradicións. No decurso da súa historia, a novela preséntase como un xénero literario diversificado, dos que destacan a novela de cabalarías, a epistolar, a gótica, a de aventuras, a negra, a de terror ou a rosa. Os dous puntos de partida que permiten falar xa de novela moderna son a novela picaresca castelá, en que cómpre salientar Historia de la vida del buscón llamado Don Pablos, ejemplo de vagabundos y espejo de tacaños (1626), de Francisco de Quevedo, e a novela sentimental inglesa, que cimentou os alicerces da novela moderna, xénero en que destacou S. Richardson. Como contrapartida do puritanismo de Richardson apareceu a arte de H. Fielding con Amelia (1751), que preludiaba a atmosfera doméstica da excepcional The Vicar of Wakefield (1766), de O. Goldsmith ou M. G. Lewis con Ambrosio or the Monk (1795), a novela gótica máis coñecida. J. Austen ironizaba nas súas primeiras novelas contra a novela gótica, contra o sentimentalismo, e con Pride and Prejudice (1813), a súa arte, observadora, crítica e irónica, converteuse nunha obra mestra. Francia achegou á novela moderna o estudo da personalidade, con Caractères (1688) de J. de La Bruyère. A análise dunha paixón ofrece unha obra que se considera clave nos albores da modernidade novelesca: Histoire du chevalier Des Grieux et de Manon Lescaut (1731), de A. F. Prévost. Por outra banda, cómpre ter en conta, para entender a evolución posterior da narrativa, o éxito de público que obtivo a novela libertina e perversa, na que destacaron C. Jolyot e, sobre todo, P. Choderlos de Laclos, autor de Les liaisons dangereuses (1782). A influencia da novela sentimental inglesa fíxose sentir nunha obra dunha grande ambición, La nouvelle Héloïse (1760), novela costumista, filosófica e amorosa de J. J. Rousseau, cuxa análise dos estados anímicos marcaba o preludio da novela romántica, como tamén o fixo a narración dos idílicos amores de Paul et Virginie (1787), de B. de Saint-Pierre. O romanticismo iniciouse en Alemaña, e o título do drama de Klinger, Sturm und Drang (Tempestade e impulso, 1767-1785) dálle o tema ao movemento. Goethe, coa súa novela Die Leiden der jungen Werther (A dor do mozo Werther, 1774) trata o que foi o gran tema romántico, a rebelión do individuo contra a estrutura da sociedade, co suicidio de Werther. As obras de grande éxito que deron resposta ao afán de exotismo romántico, o contraste entre o mundo vello e o novo, son Atala (1801) e René (1802), de F. R. de Chateaubriand. Este último inaugurou en Francia o que despois os románticos chamaron le mal du siècle, un aborrecemento profundo, cheo de tristeza, que constitúe unha forma de rexeitamento da realidade social e que preludiaba tamén o romanticismo, polo que ten de análise de sentimentos, plasmado en Adolphe (1816), de B. Constant, obra coa que se iniciaba a novela psicolóxica. A novela romántica tivo o máximo expoñente en Vic22tor Hugo. G. Sand acentuou o ton de protesta, puxo en circulación o personaxe da muller incomprendida e a defensa dos oprimidos. O tema histórico tamén apaixona aos románticos, xa que a reivindicación do pasado heroico satisfixo os seus anhelos de absoluto (W. Scott). O que herdou con máis forza a temática exaltadora do heroísmo antigo foi, sen dúbida, A. Dumas. E. Sue, influído polas teorías de Fourier e de Proudhon, tentou construír unha novela social en Les Mystères de Paris (1842). H. de Balzac foi o último romántico e o primeiro realista, tributario do estilo folletinesco e analista da sociedade contemporánea en La comédie humaine (1829-1854). O realismo tivo o seu doutrinario en G. Flaubert, que se impregnou de filosofía positivista. A derivación inmediata é o naturalismo, que se iniciou cara a 1880, con É. Zola, principal expoñente e máximo teorizador. Os grandes escritores do período de fin de século foron F. Dostojevskij e L. Tolstoj, en Rusia. A literatura castelá presenta un elenco importante, que iniciou F. Caballero e que ten os seus principais representantes en Juan Valera, E. Pardo Bazán, B. Pérez Galdós e Leopoldo Alas. En Galicia, no s XX, R. Otero Pedrayo, integrante do grupo Nós, foi o escritor que asentou as bases da novela galega e os fundamentos necesarios para a narrativa galega posterior. En Inglaterra o período vitoriano ofreceu grandes novelistas, que emparentan o realismo coa herdanza sentimentalista, por exemplo, C. Dickens, W. Thackeray e T. Hardy. H. James iniciou, coa súa meticulosa captación da realidade, un novo estilo rigoroso e poético. Tras a Primeira Guerra Mundial, a novela orientouse cara a novos camiños, pola influencia que o pensamento exerce sobre os narradores, especialmente en M. Proust, V. Woolf, J. Joyce e T. Mann. O rexeitamento do realismo que encheu o pensamento da posguerra europea fíxose patente na obra simbolista e existencial de F. Kafka. Os escritores estadounidenses adquiriron un importante protagonismo no período de entreguerras, sobre todo J. Dos Passos, E. Hemingway e W. Faulkner. A partir da metade da década de 1950 desenvolveuse en Francia a corrente do Nouveau Roman, encabezada por A. Robbe-Grillet, que rexeitaba a intención social e proclamaba a autonomía da obra literaria. A década de 1960 representou o espertar da narrativa máxica e imaxinativa dos novelistas latinoamericanos, comezando por Cien años de soledad (1967), de G. García Márquez, e coa contribución de Mario Vargas Llosa. Desde a segunda metade da década de 1970, a narrativa europea iniciou un retorno cara ao pracer da intriga e o relato ben construído con I. Calvino ou U. Eco. Na literatura estadounidense, a década de 1980 estivo marcada polo denominado dirty realism, con autores como B. E. Ellis ou J. McInnerney, e a finais de século destacou o novelista Paul Auster.
-
novela bizantina
novela bizantina.
-
novela cabaleiresca
novela cabaleiresca/de cabalarías.
-
novela costumista
Novela que se caracteriza por presentar un retrato da vida cotiá dunha sociedade, época ou lugar determinado. O seu estilo defínese pola cor, a plasticidade e pola descrición polo miúdo do externo. En España hai exemplos de costumismo en todas as épocas literarias, se ben é no s XIX cando se reflicte a vida cotiá cun punto de vista obxectivo. Destacaron Mariano José de Larra, con El pobrecito hablador (1832), R. Mesonero Romanos, autor de Escenas matritenses (1842), S. Estebáñez Calderón, con Escenas andaluzas (1847) e Fernán Caballero, autor de La Gaviota (1849). En Galicia cultivaron este xénero Pérez Luguín, con La casa de la Troya (1915) ou Dora Vázquez, autora de Bergantiñá (1971).
-
novela de aventuras
Novela en que predomina a acción e que reflicte feitos extraordinarios, accións de perigo e lugares sorprendentes. Os seus mestres foron J. F. Cooper, autor de The Last of the Mohicans (1826), A. Dumas con Les trois mousquetaires (1844), T. M. Reid, con The Young Voyageurs (1854), J. Verne, con Le tour du monde en quatre-vingt jours (1873), R. Kipling, con Captains Courageous (1897) e E. Salgari, autor de Il corsaro nero (1898). Este modelo de obras tivo moita acollida en EE UU en numerosas publicacións a principios do s XX, con E. R. Burroughs, autor de Tarzan of the Apes (1914) como figura máxima, e que variou cara a un tipo de novelas estreitamente vinculado á historia de EE UU: a novela do oeste. A súa conquista foi unha fonte inesgotable de argumentos para escritores como M. Brand, autor de Singing Guns (1938), Z. Grey, con Riders of the Purple Sage (1912), J. Schaefer, con Maverick (1967) ou J. A. Janke, con Jeremiah Bacon (1980).
-
novela de ciencia ficción/científica
Novela que presenta unha trama argumental onde aparecen como parte fundamental os descubrimentos científicos, imaxinarios ou reais, sobre os que xira a acción da novela. Ten a súa orixe a mediados do s XIX coas primeiras obras publicadas por J. Verne como Cinq semaines en ballon (1863), Voyage au centre de la terre (1864) ou 20.000 lieves sur les mers (1869), que tiveron a súa continuidade no traballo de H. G. Wells, con The Time Machine (1895), The Invisible Man (1897) ou The War of the Worlds (1898). Outro dos pioneiros do xénero foi P. de Kruif, coa súa novela Microbe Hunters (1927). Autores como G. Orwell, con 1984 (1949), I. Asimov con I, Robot (1950), R. Bradbury, con Farenheit 451 (1953), S. Lem, con Solaris (1961), C. Sagan, con The Dragons of Eden (1977) ou B. Werber, con Le père de nos pères (1998) destacaron neste tipo de obras. En España nunca houbo unha tradición moi asentada do xénero, aínda que cómpre salientar a T. Salvador, autor de La nave (1959), Juan G. Atienza, con La máquina de matar (1966), J. J. Plans, con Las langostas (1967), M. Barceló, con El otoño de las estrellas (2001) e C. Cuadras, con Report (2004).
-
novela de espías
novela de espías.
-
novela de terror
Novela que busca xerar unha sensación de medo no lector, mediante a creación dunha atmosfera inquietante, a sucesión de fenómenos estraños e a aparición de monstros. Ten a súa orixe na tradición oral, nos relatos transmitidos por grupos humanos primitivos, que reflectían nas súas historias os medos ao descoñecido e ao inexplicable. Hai indicios de relatos sobrenaturais anteriores á invención da imprenta: mencións de lobishomes por parte de Petronio ou a tradición fantasmagórica dos pobos nórdicos. É ao longo dos ss XVII e XVIII cando este xénero toma corpo e gaña adeptos entre o público, se ben a primeira novela que se toma como referencia é do s XVIII; The Castle of Otranto (1764), de H. Walpole, inicio da novela gótica, que foi a base do xénero durante decenios, ata a publicación de Melmoth the Wanderer (1820), de C. R. Maturin. Deste período destacan autores como A. Radcliffe, autor de The Mysteries of Udolpho (1790), M. G. Lewis, con The Monk (1796) ou M. Shelley, con Frankenstein or the Modern Prometeus (1818). Despois desta primeira época, a publicación de Wuthering Heights (1847), de E. Brontë, marca o paso a unha novela de terror moderna, onde destacou a figura de E. A. Poe, con The Fall of the House of Usher (1840) ou The Black Cat (1843) e, posteriormente, B. Stoker, con Dracula (1897). O afastamento do romanticismo e a entrada do cruel, sanguinario e macabro caracterizaron esta nova época, que tivo a súa continuación e adaptación á contemporaneidade coa aparición de H. P. Lovecraft, con The Beast in the Cave (1905), W. P. Blatty, con The Exorcist (1971), S. King, con The Shining (1977) e Riding the Bullet (2000), ou D. Koontz The Taking (2004).
-
novela epistolar
Novela en que a acción se desenvolve a través do intercambio de cartas entre os personaxes da obra. A través deste proceso, o autor desvela o perfil psicolóxico dos protagonistas. Esta modalidade literaria tivo unha ampla difusión no s XVIII, especialmente nas obras de S. Richardson, autor de Pamela (1740), e de J. W. von Goethe, quen escribiu Werther (1774). A outro nivel, moi próximo á novela, pódense situar as Lettres Persanes (1721), de Montesquieu, en que o autor a través do seu outro eu Uzbek consegue amosar unha visión crítica do mundo, especialmente dos fanatismos relixiosos; e Cartas Marruecas (1793), de J. Cadalso, que, mediante o intercambio epistolar de tres personaxes, Gazel, Ben-Beley e Nuño, realiza unha crítica á situación de España.
-
novela gótica
novela gótica.
-
novela histórica
Novela que reflicte con exactitude ou fidelidade histórica o ambiente, as características e os personaxes dunha época determinada, aínda que pode haber accións e figuras de ficción xunto ás reais, mesturadas coa trama inventada polo autor. Cultivada principalmente desde o romanticismo, o seu creador foi W. Scott, autor de Waverley (1818) e The Heart of Midlothian (1819), e naceu como expresión artística do nacionalismo dos románticos e da súa nostalxia ante os cambios nos costumes e nos valores que impoñía a transformación burguesa do mundo. Continuadores da obra do autor escocés foron A. Manzoni, con I promesi sposi (1823), Vic22tor Hugo, con Notre-Dame de París (1831) e L. Tolstoj, con Vojna i mir (Guerra e paz, 1869). No s XX a novela histórica tampouco decaeu e sentiron predilección polo xénero escritores como R. Graves, con I, Claudius (1934), M. Waltari, con Sinuhé, egyptiläinen (Sinuhé, o exipcio, 1945), M. Yourcenar, con Les mèmoires d’Hadrien (1951) ou N. Gordon, con The Last Jew (2000). Pode falarse tamén dunha novela histórica hispanoamericana, practicada por autores como A. Carpentier, con El reino de este mundo (1949), G. García Márquez, con El general en su laberinto (1989), M. Vargas Llosa, con La fiesta del chivo (2000) ou Isabel Allende, con La casa de los espíritus (1982). En España destacan as achegas de R. Húmara con Ramiro, conde de Lucena (1823), a primeira novela histórica, R. López Soler con Los bandos de Castilla (1830), M. J. de Larra con El doncel don Enrique el Doliente (1834) e Valle Inclán coa serie de novelas El ruedo ibérico, se ben a maior obra do xénero son os Episodios nacionales de B. Pérez Galdós (1873-1912). Durante o Franquismo a novela histórica limitouse ao tema da Guerra Civil Española, con J. Mª Gironella, autor de Los cipreses creen en Dios (1953) ou Max Aub coas seis novelas do ciclo El laberinto mágico (1943-1968). A restauración democrática supuxo unha revitalización do xénero, que se enriqueceu cunha temática máis diversa. Destacaron J. Eslava Galán, Terenci Moix, A. Pérez Reverte, Antonio Gala ou Francisco Umbral. En Galicia, as primeiras manifestacións deste xénero están con A. López Ferreiro, con O Castelo de Pambre (1905), R. Otero Pedrayo, con Os camiños da vida (1925), Carlos Reigosa, con Irmán rei Artur (1986), X. Fernández Ferreiro, con Agosto do 36 (1991) e X. L. Méndez Ferrín, con No ventre do silencio (1999).
-
novela mourisca
Novela desenvolvida fundamentalmente no Século de Ouro que trata os enfrontamentos e rivalidades entre os cabaleiros cristiáns e os mouros. Presentada cun trasfondo real e histórico, e sen a intervención de elementos máxicos ou fantásticos, pódense distinguir entre novela fronteiriza, como Historia del Abencerraje y la hermosa Jarifa (1565), de autor anónimo; e a novela granadina, como Las guerras civiles de Granada (1595), de G. Pérez de Hita, e Historia de Ozmín y Daraja, incluída na novela Guzmán de Alfarache (1599), de Mateo Alemán.
-
novela naturalista
-
s
f
Feitos da vida real que parecen fición.
Ex: A súa vida é unha novela, sempre lle pasan cousas raras.
-
s
f
Historia ficticia coa que se pretende enganar a alguén ou encubrir algunha cousa.
Ex: Vaia novela lle contou a súa nai para que o deixara saír!
Sinónimos: conto, historia, conto. -
s
f pl
[HIST]
Conxunto de constitucións dos emperadores romanos e bizantinos, que representaban un engadido ou modificación a un código emanado anteriormente. Recompiláronse no Corpus Iuris Civilis. Entre elas destacan as de Xustiniano I (Novellae Iustinianae) e as de Teodosio II (Novellae Postheodosianae). OBS: Xeralmente nesta acepción escríbese en maiúscula.