Organización para a Seguridade e a Cooperación Europea
Organización internacional creada en Budapest o 6 de decembro de 1994, herdeira da Conferencia sobre Seguridade e Cooperación en Europa (CSCE). Nela participan 55 países de Europa, Asia e América do Norte, e ten a súa sede en Viena. Os seus obxectivos son o fomento da paz, da seguridade, da xustiza e da cooperación en Europa. A CSCE era unha organización rexional creada co obxectivo de defender a seguridade en Europa e fomentar a cooperación económica, científica, tecnolóxica, cultural e do medio natural entre os países europeos. Naceu en 1972 dunha serie de conferencias que deron lugar á Acta Final de Helsinqui sobre as relacións Leste-Oeste firmada o 1 de agosto de 1975 na Conferencia de Helsinqui. Posteriormente tiveron lugar as conferencias de Belgrado (1977-1978), de Madrid (1980-1983) e de Viena (1986-1989). As áreas de competencia da CSCE incrementáronse coa Carta de París para unha nova Europa (1990), que transformou a CSCE nunha organización consolidada no Acordo de Helsinqui (1992). En 1996 deseñou a futura Carta de Seguridade Europea.