Organización Republicana Gallega Autónoma
Partido político fundado na Coruña en outubro de 1929. Na súa formación converxeron dúas tendencias, o republicanismo tradicional de Santiago Casares Quiroga e o nacionalismo galego de Antón Villar Ponte. O manifesto fundacional afirmaba que non era un partido nacionalista, xa que o referente nacional era España, e entre os seus obxectivos estaba a intención de transformar o Estado español en república federal, a separación de poderes entre Igrexa, estado e exército, e a consecución dun réxime de autonomía para Galicia. Destacou a súa promoción e engrandecemento de Galicia. A súa militancia baseouse nas clases medias e pequenos burgueses, e estruturouse de forma piramidal como un partido de comités. No Pacto de Lestrobe (16.3.1930) fixaron, xunto con Alianza Republicana, a constitución da Federación Republicana Gallega (FRG), co obxectivo de instaurar a república e conseguir a autonomía de Galicia, polo que quedaban definidos como un partido republicano-autonomista. Presentáronse aos comicios municipais do 12 de abril de 1931, en alianza cos socialistas (FRG-PSOE), e acadaron a maioría nas principais cidades. Trala proclamación da Segunda República, Casares Quiroga ocupou a carteira de Mariña e de Gobernación. A ORGA seguía sendo o partido máis forte dentro da FRG, coalición que se disolveu en 1932, despois das eleccións a Cortes Constituíntes, nas que ORGA-FRG se proclamou como a forza política de maior implantación en Galicia con 14 escanos. En outubro dese mesmo ano o partido reorganizouse como Partido Republicano Gallego (PRG). Presentaron dous proxectos de Estatuto, sen éxito, ata que en decembro de 1932 foi aprobado o definitivo co apoio de case todos os concellos.Desapareceu en 1934, absorbido por Izquierda Republicana.