O Facho, Grupo de Teatro
Grupo de teatro creado na Coruña en 1965 ao abeiro da Agrupación Cultural do mesmo nome, se ben inicialmente recibiu o nome de Grupo Independente de Teatro, vinculado ao movemento das Xuventudes Comunistas. Foi un dos primeiros colectivos teatrais do teatro contemporáneo galego e un viveiro de actores e directores que terían considerable protagonismo na creación das primeiras compañías profesionais. O seu primeiro director foi Manuel Lourenzo, que presentou diversas lecturas dramatizadas a partir de textos de L. Pimentel, A. Castelao ou Celso E. Ferreiro, e os espectáculos O cabalo do cabaleiro (1965), de Carlos Muñiz ou O Señor Bonhome e os incendiarios, de Max Frisch. Dos seus espectáculos posteriores destacan O Santo Grial (1972), de Nina Epton, con dirección de Xosé Manuel Rodríguez Pampín, As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), sobre o texto de Carlos Casares, O retábulo da peste (1979), con texto de I. Bergman, ou Panchino, segundo un texto de Oswaldo Dragún, con dirección de Xosé Fernando Martínez (1984).