O Facho, Concurso Nacional de Teatro Infantil
Concurso teatral convocado en 1972 pola Agrupación Cultural O Facho como celebración do décimo aniversario desta agrupación e co obxectivo de axudar a crear un teatro infantil en galego. Cunha periodicidade bianual, que non se cumpriu entre a VI e a VII edicións (celebradas en 1983 e 1986, respectivamente), este premio constituíu un fito na produción de literatura dramática infantil, que contaba con moi pouca presenza en Galicia. Resultaron gañadoras do premio obras como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares (1973), Viaxe ao País de Ningures, de M. Lourenzo (1975), A benfadada historia de Coitado Bamboliñas, de Xulio González Lourenzo (1977), Viva Lanzarote, de Manuel Lourenzo (1981), Grande invento para saír do aburrimento!, de Ana Mª Fernández Martínez e Xoán Babarro González (1983) ou A estranha e misteriosa história de Otunga e os otunguenhos, de Joel R. Gómez (1990).