Obradoiro, praza do

Obradoiro, praza do

Praza monumental situada en Santiago de Compostela. Fórmana as fachadas dos principais edificios da cidade, en que se mesturan elementos arquitectónicos clásicos e barrocos. Débelle o nome ao obradoiro que se instalou nela para as obras que alí se realizaron durante séculos, e en que escultores e canteiros traballaban a pedra dos edificios que están ao seu redor e que conforman a representación do poder eclesiástico e civil, co concello, a catedral e a universidade. Está presidida pola fachada barroca da catedral de Santiago de Compostela (Ben de Interese Cultural, BIC, 1896), iniciada por Fernando de Casas Novoa en 1739, así como pola galería do claustro á súa dereita, que alberga o museo, e o pazo de Xelmírez (BIC, 1931) á esquerda. No lado S péchaa a portada gótica do pazo de San Xerome (ss XV-XVI) e no lado O o pazo de Raxoi (s XVIII), de estilo neoclásico e que alberga as dependencias da casa do concello. No lado N atópase o Hospital Real (BIC, 1931), mandado erixir polos Reis Católicos en 1499 e iniciado en 1501, en estilo plateresco. O edificio converteuse posteriormente no Hostal dos Reis Católicos e pasou de albergar peregrinos, a acoller turistas.