ordalía

ordalía

(< lat v ordalia ‘xuízo’)

s f [RELIX/HIST]

Proba xudicial de carácter máxico-relixioso destinada a manifestar a culpabilidade ou a inocencia dun acusado. O nome anglosaxón ordãl (xuízo) pon de manifesto, se non a orixe, a súa popularidade en Europa central. As invasións xermánicas estenderon o seu uso a todo o antigo Imperio Romano, onde recibiu tamén o nome de xuízo de Deus. Na mentalidade primitiva, onde dereito e relixión se confunden, constitúe o xuízo por excelencia, no que Deus mesmo pronuncia a sentenza a través dunha proba. Reviste tamén forma adiviñatoria equivalendo ao oráculo. A pesar da variedade de formas propias de cada pobo, pódese resumir nas probas do lume, da auga, das pezoñas e do combate. As probas da auga, testemuñadas no Código de Hammurabi e nas primeiras recompilacións lexislativas bíblicas, foron igualmente coñecidas na Península Ibérica. Coa introdución do dereito romano e canónico, acabou desaparecendo.

Palabras veciñas

Orcinus | orco | Orcomen | ordalía | Ordás Pérez, Amando | Ordás, Diego de | orde