orde

orde

(< lat ordĭne)

  1. Antónimos: desorde.
    1. s f

      Disposición regular de varias persoas ou cousas no espazo ou no tempo, unhas en relación coas outras.

      Ex: Teño que colocar os apuntamentos en orde porque así non podo estudar.

      Antónimos: desorde.
    2. orde de batalla / [MAR/BÉL]

      Disposición en que se ordenan os barcos dunha escuadra en combate e que varía segundo o tipo de barcos e o seu armamento.

  2. s f

    Sucesión metódica que segue cada un dos elementos dun conxunto segundo unha determinada regra ou criterio.

    Ex: Comezaron a chamar aos opositores por orde alfabética.

  3. s f

    Desenvolvemento normal e regular dunha actividade, sistema ou entidade.

    Ex: Armouse unha liorta e tardaron horas en poñer orde na oficina.

  4. s f

    Sistema ou procedemento que se segue ao realizar unha actividade.

    Ex: Hai que facer as cousas por orde para que non sospeite nada.

    1. s f

      Categoría ou clase en que se clasifican as persoas, os animais ou as cousas.

    2. s f [HIST]

      Clase ou categoría social.

    3. s f [BIOL]

      Categoría taxonómica de rango inferior á clase e superior á familia.

    4. orde anxélica [RELIX]

      Cada un dos nove graos da xerarquía anxélica, dividida en tres coros, que estableceu o Pseudo-Denís (s VI) a partir dunhas categorías bíblicas: serafíns, querubíns e tronos, dominacións, virtudes e potestades, principados, arcanxos e anxos.

    5. orde arquitectónica [ARQUIT]

      Estilo de construción arquitectónica que se distingue polos diferentes criterios de disposición dos elementos arquitectónicos fundamentais -os elementos sustentados de disposición vertical (columna) e os elementos sustentados de disposición horizontal (arquitrabe, friso, entaboamento)-, polas proporcións respectivas e por outros elementos decorativos. En Grecia xurdiron as dúas ordes básicas, a dórica e a xónica, e posteriormente a corintia, que se xeneralizou durante a época romana. A orde dórica tivo a súa orixe a finais do s VII a C e desenvolveuse na Grecia continental, en Creta e na Magna Grecia. Non ten base e o fuste, que é acanalado e posúe éntase, apóiase directamente sobre un estereóbata; o capitel consta dun equino circular e dun ábaco cadrado; o entaboamento está formado por unha arquitrabe, un friso, que está formado por tríglifos baixo os que penden gotas e métopas decoradas con relevos figurativos, e a cornixa, que está formada por un beiril e un cimacio. Enriba do entaboamento está o frontón triangular que ten tímpano decorado e acroterios nos seus vértices. A orde xónica orixinouse en Xonia no s VI a C e tomou elementos de tradición grega e asiática. A base sobre a que se apoia a columna é ática e está composta por dous toros e unha escocia; o fuste está acanalado e a miúdo remata nun colariño, que está separado do fuste polo astrágalo; o capitel está formado por dúas volutas que se unen ao fuste por medio dun listel, dunha baqueta e dun equino decorado con ovas e remata nun ábaco rectangular; o entaboamento consta dunha arquitrabe de tres bandas sobresaíntes unhas sobre outras, un friso corrido que pode estar decorado ou non, e unha cornixa que está composta por un goteirón e por molduras con ovas, perlas ou ovas e dardos, e en ocasións con dentículos baixo o beiril. A orde corintia é unha variante da xónica, pero con proporcións máis altas, que se caracteriza polo emprego dun capitel amodo de campá invertida cuberto por abaixo por dúas fileiras de follas de acanto superpostas. Nos ángulos superiores van catro volutas ou caulículos e o ábaco é fino e ten forma de rectángulo curvilíneo. A arquitectura romana adaptou estas ordes e desenvolveu unha variedade da orde dórica, a orde toscana, de proporcións máis esveltas que a orde grega, e que se caracteriza polo emprego dun fuste liso, aínda que pode levar estrías na súa totalidade ou nunha parte do mesmo, apoiado nunha base de tipo etrusco, formada por un toro. O capitel ten astrágalo, colariño, tres listeis circulares, equino e ábaco cadrado. A arquitrabe divídese en dúas ou tres bandas e a parte baixa da cornixa pode estar adornada con dentículos. A orde xónica romana ten a base formada tamén por dous toros e unha escocia, pero o toro inferior descansa sobre un plinto cadrado. As volutas únense por unha faixa que remata en arestas horizontais e a cornixa ten sempre dentículos. A orde corintia romana ten unha base semellante á da xónica pero con dúas escocias separadas por unha dobre baqueta. As molduras inferiores do capitel son un listel e un astrágalo, sobre o que se sitúan dúas fileiras de follas de acanto e o entaboamento está formado por unha arquitrabe con bandas separadas por ovas, perlas ou ovas e dardos. A banda central está en ocasións adornada con follas, o friso ten escenas figuradas ou decoración vexetal, o cimacio ten palmetas e as molduras da cornixa están moi decoradas. A orde composta xurdiu no s I a C e caracterízase polo emprego dun capitel corintio con volutas xónicas. Durante o Imperio Romano, as ordes combináronse a miúdo nun mesmo edificio. A orde colosal ou orde xigante, orixinada no Baixo Imperio e retomada durante o Renacemento, é o desenvolvemento das ordes clásicas en dous ou máis planos de fachadas ou paredes, delimitados verticalmente por grandes pilastras ou columnas. A arquitectura clasicista do s XIX utilizou as ordes clásicas grecorromanas.

    1. s f [DER]

      Compendio de regras e leis inspiradoras e aglutinantes dunha sociedade, e suxeición a estas mesmas regras e leis. A necesidade de organización e cooperación entre os homes para a súa supervivencia comporta a constitución dunhas regras nas súas relacións. En todas as sociedades existe unha forma particular de orde, chamada orde establecida.

    2. orde pública [DER]

      Situación de respecto das normas establecidas para a sociedade que permiten a convivencia social. Pode ser espontánea ou regulada pola lexislación e con forza coercitiva que obrigue ao cumprimento das disposicións. Nos estados totalitarios, a orde pública serve para impor e manter os privilexios dunha clase social.

    1. s f

      Mandato ou prescrición que cómpre obedecer e seguir, como emanados dunha autoridade competente.

      Ex: Recibiu ordes do director e comezou a abrir os expedientes.

    2. orde de bolsa [ECON]

      Orde dada a un intermediario para que realice unha orde de compra ou venda en firme.

    3. orde de entrega [ECON]

      Impreso mediante o que un provedor ordena a entrega dunhas mercadorías determinadas a un destinatario concreto.

    4. orde de pagamento [ECON]

      Documento polo que unha entidade ou unha persoa ordena a outra, depositaria dos seus fondos, que realice un pagamento a un terceiro.

    5. voz de orde [BÉL]

      Consigna verbal de recoñecemento entre militares no cumprimento de misións concretas que cumpren o santo e sinal da cabeza e o contrasinal, dita en resposta polo comandante de garda ou un sentinela.

    1. s f

      Conxunto de persoas que comparten e asumen determinados preceptos morais ou profesionais.

    2. [HIST]

      Institución honorífica creada polos soberanos para premiar aos seus cabaleiros ou para distinguir os servizos prestados á monarquía ou ao monarca.

    3. forzas da orde [BÉL]

      Corpos armados, sometidos a disciplina militar, que se encargan de manter a orde pública.

    4. orde de cabalaría [HIST]

      cabalería [cabalaría].

    5. orde militar [HIST]

      Institución relixioso-militar que se creou a partir de finais do s XI para defender os peregrinos que ían a Terra Santa a loitar contra os infieis. Os seus membros, que foron aceptados e estruturados pola igrexa a principios do s XII, eran á vez monxes e soldados, que vivían baixo unha regra cos tres votos clásicos de pobreza, obediencia e castidade e que adoitaban unir o cuarto voto de entregarse a unha guerra santa contra os infieis. As máis importantes e xeneralizadas foron a do Hospital ou de San Xoán de Xerusalén, instituída arredor de 1048, a do Temple, fundada en Xerusalén en 1118; a do Santo Sepulcro, fundada contra finais do s XI e a Teutónica, que organizaron en 1198 príncipes alemáns refuxiados en Acre. Esta modalidade de vida imitouse na Península Ibérica, onde destacaron as ordes de Santiago, fundada en Cáceres en 1170, a de Calatrava, erixida en 1158, e a de Avis, creada en Portugal arredor de 1143. Extinguidas como ordes relixiosas, quedaron como emblemas de nobreza.

    6. orde relixiosa [RELIX]

      Sociedade de relixiosos, aprobada pola autoridade eclesiástica, que vive en comunidade baixo a observación dunha regra e que emite votos solemnes, é dicir, recoñecidos pola Igrexa, ou votos simples que caracterizan as congregacións relixiosas. O concepto canónico de orde é froito dunha longa evolución que, a partir dun pluralismo primitivo (ascetas, ermitáns ou monxes), alcanzou unha organización centralizada dependente da Santa Sé. As primeiras ordes apareceron no s XII coas grandes congregacións monásticas de Cluny e do Císter e, sobre todo, co nacemento dos mendicantes. As ordes relixiosas distínguense en catro categorías: monxes, cóengos regulares, mendicantes e cregos regulares. Os monxes están comprendidos en dez ordes, moitas das que se subdividen en diversas congregacións como beneditinos, camaldulenses, vallombrosanos, silvestrinos, olivetanos, mequitaristas, cistercienses, cartuxos, antonianos e basilianos. A orde dos cóengos regulares comprende os lateranenses, os agostiños, os premonstratenses, a congregación hospitalaria do Grande Santo Bernaldo e a congregación suíza de San Mauricio de Agaune da orde da Santa Cruz. Os mendicantes están repartidos en dominicos, franciscanos, trinitarios, mercedarios, servos, mínimos, irmáns de San Xoán de Deus e a orde Teutónica restaurada. Os máis importantes entre os cregos regulares son os teatinos, os barnabitas, os xesuítas, os camilos, os escolapios e o somascos. Pódense distinguir tres graos no interior dunha orde: a primeira orde, que provén directamente do fundador; a segunda orde, que é a adaptación para monxes; e a terceira orde, que está constituída por laicos que, na medida en que o seu estado llo permite, queren participar na vida e nas finalidades da orde. A partir do s XVII, suprimida a posibilidade de novas ordes con votos solemnes, comezaron a medrar as congregacións relixiosas, e xa no s XX naceron novas formas, consideradas non relixiosas, coñecidas como institutos seculares, aprobados pola Santa Sé en 1947.
      As ordes relixiosas en Galicia
      As primeiras ordes relixiosas establecéronse en Galicia no s XII, coas grandes congregacións monásticas de Cluny e o Císter. O eixe de penetración dos cluniacenses na Península Ibérica foi o Camiño de Santiago, pero o seu éxito estivo limitado polo seu apoio a dona Urraca na loita contra o seu irmán Afonso VII. Das súas posesións destacaron os mosteiros de San Vicente de Pombeiro (1109), San Martiño de Xubia, Santa María de Ferreira (1117), San Pedro de Valverde (1125) e San Salvador de Budiño, cedido polo conde Gómez Núñez (1126). A presenza dos cistercienses en Galicia remóntase a 1142, coa conversión do mosteiro beneditino do Salvador en Sobrado dos Monxes, na súa primeira casa. Beneficiáronse dos privilexios concedidos por Afonso VII e das súas fundacións destacaron os mosteiros masculinos de Armenteira, Franqueira, Meira, Melón, Monfero, Montederramo, Oia, Penamaior, San Clodio, Sobrado, Toxos Outos e Xunqueira de Espadanedo e os femininos de Bóveda, Moreira e Ferreira de Pantón. Despois do período de esplendor dos ss XII-XIV, no s XV viviu unha etapa de crise en que se fomentou a creación de congregacións nacionais na Península Ibérica. Deste xeito creáronse as congregacións de Castela (1425), da que formou parte Galicia, Alcobaça ou Portugal (1567), a da Coroa de Aragón e Navarra (1616). As ordes mendicantes, dominicos e franciscanos, instaláronse a comezos do s XIII e caracterizáronse por unha clara vocación urbana. Os franciscanos estableceron mosteiros, entre outros, en Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Baiona, Betanzos, Cambados, A Coruña, Ferrol, Herbón, San Lourenzo de Trasouto (Santiago de Compostela), Lugo, Monforte de Lemos, Monterrei, Noia, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadavia, Ribadeo, Vilabade (Castroverde), Viveiro, Xinzo de Limia, Tui e Vigo. A colectividade de ordes ampliouse coa aparición de ordes relixioso-militares que tamén se estableceron en Galicia, como foi o caso da orde de Santiago, que recibiu o mosteiro de Vilar de Donas (1194).

  5. s f [RELIX]

    Sacramento da Igrexa Católica mediante o que se promove a un dos seus membros, considerado idóneo, a un determinado grao de ministerio eclesial: diaconado, presbiterado ou episcopado. O Novo Testamento non usa nunca o nome de orde para designar unha función ministerial. A Igrexa, durante os dez primeiros séculos, entendeu por orde só unha dignidade ou un estado, non un sacramento. A teoloxía do s XI comezou a distinguir orde de dignidade e introduciu o concepto dentro das categorías sacramentais. Durante o s XIII a orde tiña xa, dun xeito pleno, a categoría de sacramento, e desde entón, ao determinar o cómputo dos sete sacramentos, a orde entrou a formar parte. Esta teoloxía medieval respecto da orde ratificouse e dogmatizouse nos concilios de Florencia (1439) e de Trento (1547). Tradicionalmente, a Igrexa Latina distinguiu entre ordes maiores (presbiterado, diaconado e subdiaconado) e menores (ostiariado, lectorado, exorcistado e acolitado). As reformas do ritual romano (1968 e 1972) restituíron a orde aos seus graos primitivos: bispo, presbítero e diácono, e reduciron as antigas ordes menores ao acolitado e ao lectorado, dándolles o nome de ministerios instituídos.

  6. s f

    Entidade de carácter civil ou militar que premia e honra os servizos prestados a individuos ou entidades co outorgamento dun título honorífico.

    1. s f

      cardinal.

    2. fenómenos de orde-desorde [FÍS]

      Designación xenérica dun conxunto de cambios de fase que se diferencian polo grao de ordenación dos seus compoñentes.

    3. orde de infinidade

      Resultado de comparar dúas funcións f(x) e g(x) que toman o valor infinito cando x se achega a un certo valor a. Dise que f(x) e g(x) son da mesma orde de infinidade se o límite do cociente f(x)/g(x), cando x tende a a, existe e é unha constante non nula.

    4. orde de unidades

      Lugar que ocupa un díxito nun nome.

    5. orde do determinante dunha matriz cadrada

      Orde desta matriz.

    6. orde dun elemento dun grupo

      Dado un elemento dun grupo, orde do subgrupo enxendrado por este elemento.

    7. orde dun grafo

      Número dos vértices nun grafo.

    8. orde dun grupo

      Dado un grupo, cardinal do conxunto dos seus elementos.

    9. orde dun infinitésimo

      Resultado de comparar un infinitésimo con outro que se toma como referencia.

    10. orde dunha curva

      grao dunha curva.

    11. orde dunha derivada

      Respecto a unha función orixinal, f, número de derivacións que se fan ata chegar á derivada en cuestión. Se f (n) é a derivada de orden n ou derivada n-ésima, da función f, cúmprese que f (n) = (f (n-1) )’.

    12. orde dunha derivada parcial

      Respecto a unha función orixinal, f, é o número de derivacións parciais que se fan ata chegar á derivada en cuestión. Por exemplo, as derivadas parciais de δfx i , son as derivadas parciais de orde 2, ou de segunda orde, de f, e son sinaladas por δ 2 fx j δx i , onde j=l,...,n.

    13. orde dunha ecuación diferencial en derivadas parciais

      Orde da derivada parcial de maior orde que aparece na ecuación.

    14. orde dunha matriz cadrada

      Número de filas (e polo tanto de columnas) dunha matriz cadrada.

    15. orde dunha superficie

      grao dunha superficie.

    16. relación de orde

      Relación binaria R entre os elementos dun conxunto C que é reflexiva, antisimétrica e transitiva. A parella (C, R) constitúe un conxunto ordenado. É usual a notación ≤ (menor ou igual que) para designar a relación de orde. Outras relacións de orde importante son a relación de igualdade, a relación de inclusión entre conxuntos e a relación “ser divisor de” nos números naturais. Nun conxunto ordenado, son elementos notables, o máximo, o mínimo, o maximal, o minimal, o maiorante e o minorante. Dous elementos relacionados mediante unha relación de orde denomínanse comparables. Se, dados dous elementos calquera, sempre son comparables, a relación de orde denomínase total e, no caso contrario, parcial.

  7. orde natural [ECON]

    Situación óptima que, segundo os fisiócratas, pode acadar a orde que existe se se cumpren as leis naturais, inmutables, e absolutas que rexen todos os fenómenos sociais. Se non son deformadas pola acción humana, estas leis conducen á situación máis vantaxosa para toda a sociedade. 

Frases feitas

  • Estar á orde do día (unha cousa). Ser frecuente ou estar de actualidade.

  • Orde do día. Conxunto de temas ou puntos que serán tratados sucesivamente nunha reunión.

Refráns

  • Ben está o pe na pema e a pema no calzón.
  • Cada cousa no seu lugar aforra tempo para a buscar.
  • Fai primeiro o necesario e despois o voluntario.
  • Mentres capo, non asubío.
  • Mentres que se capa, non se rapa.
  • Na acea primeiro moe o que primeiro chega.
  • Quen vén o derradeiro chega ás veces o primeiro.