organometálico -ca
(< organo- + me-tálico)
-
adx
Relativo ou pertencente aos compostos organometálicos.
-
composto organometálico
[QUÍM]
Cada un dos compostos que conteñen un ou máis átomos de carbono enlazados directamente a un átomo metálico. Existen dous tipos: os organometálicos puros, que conteñen exclusivamente radicais orgánicos unidos ao metal; e os mixtos, que conteñen ao mesmo tempo radicais orgánicos e inorgánicos unidos ao metal. Desde o punto de vista do tipo de enlace, poden clasificarse en iónicos, formados unicamente polos metais máis electropositivos; e covalentes, entre os que están os que presentan enlaces σ e os que presentan enlaces π. Dos métodos de preparación máis xerais para elementos dos grupos principais destacan a reacción de derivados haloxenados con metais, a reacción dos compostos formados polo método anterior cun metal ou haloxenuro metálico para intercambiar o metal e a adición de hidruros metálicos sobre dobres enlaces. Polo que respecta ás reaccións químicas, a presenza dun metal unido ao carbono pode inducir neste un comportamento aniónico, como nos reactivos de Grignard, ou catiónico, como nos complexos de tipo π de metais de transición con olefinas, e tamén favorecer a formación de radicais libres, como o tetraetilchumbo. Os compostos organometálicos teñen un gran número de aplicacións en síntese orgánica e na industria química. Desde o punto de vista fisiolóxico, son en moitos casos dunha gran toxicidade. OBS: Tamén se denomina organometal.