Oriente, principados latinos de

Oriente, principados latinos de

Estados xurdidos en Oriente Próximo a consecuencia da Primeira Cruzada e organizados segundo o sistema feudal francés. Ademais do Imperio Latino de Constantinopla, o máis importante foi o Reino Latino de Xerusalén, que dominaba, con diversas relacións de dependencia, os principados de Antioquía, Tiberiades e Galilea, e os condados de Edessa e Trípoli, entre outros. Balduíno de Lorena fundou a primeira soberanía latina en Edessa, á que sucedeu, despois dun longo asedio, a de Antioquía (1098). Tomada Xerusalén en 1099, o primeiro rei foi Balduíno I de Xerusalén (1100-1118). A continuación das cruzadas, con éxitos bastante precarios, as rivalidades e ambicións dos príncipes enfebleceron os gobernos dos principados, que foron caendo baixo poder musulmán. Saladino triunfou na Batalla de Tiberiades (1187) e obrigou a Xerusalén a capitular. O monarca, Guido I de Xerusalén, pasou a ser rei de Chipre, onde se conservou o título de Reino de Xerusalén, que quedou reducido a unha faixa da costa, entre Jaffa e Tiro. Os dereitos do reino foron cedidos a Carlos de Anjou (1277) e o título quedou unido ao do Reino de Nápoles. A cidade de Antioquía foi apresada polo Sultán Baybars (1268), mentres que Qalaûn ocupou o resto do territorio e tamén Trípoli (1288). A última cidade latina, San Xoán de Acre (actual Acre), foi conquistada por Malik ou Halil Ašraf (1291).

Palabras veciñas

Oriente | Oriente, Cuestión de | Oriente, diocese de | Oriente, principados latinos de | orifar | orificio | oriflama