ostra
(< lat ostrĕa)
-
s
f
[ANIMAL]
Nome que reciben unha serie de moluscos lamelibranquios da orde dos pteroideos, superorde dos filibranquios, de cuncha bivalva, irregular e áspera, con liñas de crecemento por fóra e lisa e nacarada por dentro. Entre as principais especies máis coñecidas están a ostra galega ou común (Ostrea edulis), de grande importancia comercial, a ostra portuguesa (Crassostrea angulata), propia do Atlántico, a ostra vermella (Spondylus gaederopus), que habita as costas setentrionais do Mediterráneo, e a ostra xaponesa ou rizada (Crassostrea gigas).
-
ostra común/galega/plana
[ANIMAL]
Ostra con cuncha de ata 10 cm de lonxitude, charneira sen dentes e de cor parda agrisada. Atópase na zona infralitoral ata os 80 m de profundidade, habita nas costas de todos os mares europeos e soporta perfectamente os cambios de salinidade provocados polas mareas. É moi apreciada en gastronomía e críase artificialmente (ostreicultura). En Galicia é moi frecuente e ten moita importancia comercial. O crecemento da ostra depende da cantidade de alimento que inxira (filtran uns 250 litros de auga ao día para reter as algas microscópicas en suspensión), e dos factores ambientais; nas rías galegas, as condicións son óptimas para o desenvolvemento da ostra, que alcanza o tamaño mínimo comercial de consumo na metade de tempo ca noutras zonas europeas. Para o seu cultivo utilízanse varias técnicas. Algunhas das zonas de cultivo en Galicia son as rías de Vigo e Arousa.
-
ostra de can/brava
[ANIMAL]
Molusco lamelibranquio de cuncha amarela ou parda, fráxil, cun buraco na valva dereita (inferior) que é plana, e con tres cicatrices que corresponden aos músculos adutores na valva esquerda (superior), que é arqueada. Mide ata 6 cm de lonxitude e vive fixada a rochas ou outras cunchas. Distribúese polo Mediterráneo, o Atlántico e o mar do Norte.
Sinónimos: morruncho, tarxa. -
ostra perlífera
[ANIMAL]
Molusco lamelibranquio que habita nas costas dos mares tropicais e se cría en Xapón para obter perlas cultivadas.
Sinónimos: madreperla. -
ostra portuguesa
[ANIMAL]
Molusco lamelibranquio de cuncha sólida coa cuncha dereita plana, sen dentes na charneira e de cor branca ou crema con manchas purpúreas. Mide ata 15 cm de ancho e ata 7,5 cm de lonxitude. Vive na zona infralitoral, sobre rochas e outras cunchas, no Atlántico e no mar do Norte.
Sinónimos: morruncho, tarxa.