panxermanismo
(< pan- + xermanismo)
Doutrina imperialista que, fundamentándose na necesidade de buscar mercados e saídas para a economía alemá, pretendía unir nun gran imperio todos os pobos de orixe xermánica. A finais do s XIX esta doutrina, que se enfocou cara á unión de todos os xermánicos do imperio dos Habsburgo, renaceu coa creación da Alldeustcher Verband e da Alldeustche Vereinigung contra as minorías de lingua non xermana. O imperio, ademais de Alemaña, Austria, Países Baixos, Bélxica, Flandres francés, Alsacia, Lorena, Franco Condado, Suíza, Os Balcáns e Polonia, tiña que incluír outros pobos de orixe xermánica: Reino Unido, Escandinavia, Hungría e Rusia occidental. Afundido tras a derrota de 1918, o panxermanismo reviviu coa filosofía de Alfred Rosenberg, teórico do nacionalsocialismo, que completou a súa teoría coa do superhome de Friedrich Wilhelm Nietzsche. Durante a Segunda Guerra Mundial o panxermanismo concretouse na constitución dunha comunidade aria.