Pardo de Figueroa

Pardo de Figueroa
[HIST/HERÁLD]

Liñaxe galega que se estableceu nas proximidades de Betanzos. A súa posible orixe pode proceder dos Pardo de Cela, xa que un fillo do Mariscal casaría cunha dona da liñaxe dos Figueroa e o fillo de ambos os dous, Arias Pardo de Figueroa (Betanzos 1580-?), fundaría esta liñaxe. Foi cabaleiro da orde de Santiago (1608), gobernador das súas armas e conde de Lemos e oidor da Real Cancillería de Valladolid. O seu fillo, Juan Pardo de Figueroa (Valladolid?-?), pertenceu á orde de Santiago desde 1623. Outro membro destacado desta liñaxe foi Baltasar de Figueroa y Sotomayor (Lima?-?), primeiro marqués de Figueroa e cabaleiro da orde de Santiago en 1602. Unha rama desta liñaxe pasou a San Martín de Valdeiglesias (Madrid) e desde alí a Cádiz. Trae como armas, escudo partido: primeira partición, en campo de prata, unha aguia voante, de sable, e segunda, en campo de ouro, cinco follas de figueira, de prata colocadas en aspa. Outros traen escudo cuartelado: primeira partición, en campo de prata, cinco grifóns, de goles, postos en aspa; segunda partición, en campo de goles, dous castelos de ouro, postos en faixa, e aclarados en azul; terceira partición, en campo de ouro, cinco panelas, de goles, postas en aspa; e cuarta partición, en campo de azul, unha cruz baleira e floreada, de ouro.