parlamentarismo

parlamentarismo

(

s m [DER/POLÍT]

Réxime político en que o parlamento, elixido democraticamente, é o eixe da vida política e a principal fonte de poder. É característico da maioría de estados da Europa Occidental. O réxime está presidido por un xefe de estado sen responsabilidade política. Ademais, o apoio do parlamento é imprescindible para que o goberno se poida manter no poder xa que o parlamento lexitima a autoridade do goberno. De feito, nun réxime parlamentario, o goberno é, en certa maneira, unha comisión parlamentaria, encargada de elaborar e presentar, para a súa aprobación, os orzamentos do estado e todas as medidas lexislativas para gobernalo, aínda que o parlamento controla e limita esa liberdade de acción. O exemplo máis puro dun réxime parlamentario é Reino Unido: o xefe de estado, o monarca, limítase a recoñecer a situación política definida polos resultados electorais e o partido que consegue a maioría dos escanos nas eleccións forma o goberno. Aínda que, en teoría, o parlamento é protagonista dos réximes parlamentarios, na práctica goza, normalmente, dun papel secundario. Por outra banda, a complexidade das tarefas de goberno actuais e a disciplina dos partidos fixeron que o parlamento se limite a aprobar as medidas lexislativas que elabora e propón o goberno. Actualmente, a posición do poder executivo nos réximes parlamentarios é moi forte, malia que o goberno, inseguro do seu apoio parlamentario, pode abandonar unha boa parte do seu programa lexislativo para non ser derrotado no parlamento.