parlamento

parlamento

(< fr parlement)

  1. s m

    Acción de parlamentar.

  2. s m
    1. [DER/POLÍT]

      Asemblea lexislativa dun estado, dunha nación ou dunha rexión cuns poderes que son regulados, xeralmente, pola constitución. Adoita estar formada por unha soa cámara (unicameralismo), sobre todo nos réximes centralistas ou unitarios, ou máis frecuentemente por dúas (bicameralismo), nos sistemas de estados federais. A cámara baixa é elixida por sufraxio universal directo, e a cámara alta, normalmente por sufraxio indirecto. O parlamento é, daquela, o órgano máis importante de representación dos cidadáns. As súas funcións lexislativas inclúen, entre outras, a de estudar os proxectos de lei do goberno, emendalos e votalos, propor outras medidas lexislativas e aprobar os orzamentos do estado. Para ser aprobada, unha lei ten que obter a maioría dos votos da cámara baixa e, nos estados que teñen parlamentos bicamerais, tamén da cámara alta. Nalgúns casos, a disciplina dos partidos políticos regula o comportamento dos deputados ata o punto de que o resultado da maioría das votacións é previsible antes de comezar o debate parlamentario. A pesar de que o parlamento regula as cuestións de procedemento das sesións parlamentarias, o goberno, a través dos seus membros no parlamento, fixa a orde de prioridades da axenda parlamentaria e decide, por tanto, que cuestións han de ser debatidas e en que orde. Aínda así, o debate parlamentario é importante nalgúns estados en que a disciplina de partido non é tan ríxida e non determina necesariamente o voto dos deputados (por exemplo, en EE UU) e nalgunhas ocasións, cando os partidos deciden liberar os deputados desta disciplina, xeralmente en debates sobre cuestións (como a pena de morte, o divorcio, o aborto) que poden provocar, por razóns de conciencia persoal, unha división dos deputados independente da súa filiación política.

    2. [HIST]

      Asemblea convocada polo rei co fin de chegar a acordos e obter favor, consello e axuda dos estamentos.

    3. Edificio que é sede da asemblea lexislativa dunha rexión, estado ou nación.

  3. s m

    Discurso oral que realiza unha persoa.

    Ex: Co parlamento do alcalde púxose fin á entrega de premios.

  4. s m [LIT]

    Interpretación longa en prosa ou en verso que fai un actor nunha obra teatral.