Partido Obrero de Unificación Marxista

Partido Obrero de Unificación Marxista
Nome científico: [POUM]

Partido político de carácter comunista autónomo, non integrado na Internacional Comunista, creado en Barcelona o 29 de setembro de 1935 da fusión do Bloc Obrer i Camperol (BOC) e da Izquierda Comunista de España (ICE), de carácter trotskista. Os principios básicos da unificación foron a loita pola revolución democrático-socialista, mediante a toma de poder pola clase obreira, a formación dunha fronte única dos traballadores a través da Alianza Obreira, a atracción ou neutralización da pequena burguesía e os campesiños, a unificación sindical e a formación dun só partido marxista. Reorganizou as forzas sindicais, procedentes a maioría do BOC, na Federació Obrera d’Unitat Sindical. Ao se iniciar a Guerra Civil Española (1936-1939) e ata a metade de 1937 participou nos organismos políticos da Catalunya autónoma e no goberno da Generalitat coa figura do seu secretario político, Andreu Nin. En 1945 sufriu unha escisión que deu lugar ao Moviment Socialista de Catalunya. Antes de maio de 1937 dispuña de diversos órganos de prensa, como La Batalla ou La nueva era. Entre os seus dirixentes destacaron Joaquín Maurín Juliá, Andreu Nin i Pérez, Jordi Arquer i Saltor e Juan Andrade. En 1973 reapareceu un pequeno sector que evolucionara cara á socialdemocracia e que rematou por se integrar en 1976 no Partit Socialista de Catalunya-Congrés, mentres que a facción pura continuou cunha liña marxista revolucionaria. En Galicia, o POUM integrou a totalidade da afiliación da antiga ICE e Luis Rastrollo González trasladouse para fortalecer as instancias directivas da organización galaica do partido. Nos derradeiros meses da Segunda República Española, rexistrou un sensible incremento de efectivos en localidades como Santiago de Compostela, A Coruña, Ribeira ou a bisbarra de Camariñas, de xeito que o 18 de xullo de 1936 se ía celebrar o primeiro congreso en Galicia, baixo a presidencia de J. Maurín.