Partito Socialista Italiano
Agrupación política italiana fundada en 1892, co nome de Partito dei Lavoratori Italiani, por Filippo Turati, Andrea Costa e Gregorio Agnini. Dominou o sector sindicalista entre 1904 e 1908. A gran crise produciuse coa cuestión da adhesión á Terceira Internacional no congreso de Livorno (1921), onde se produciu a escisión principal, a dos leninistas, que fundaron o Partito Comunista Italiano. O secretario do PSI, Giacomo Matteotti, foi asasinado (1924) e os socialistas reagrupáronse no exilio e asinaron en 1934 un pacto de acción cos comunistas para unha colaboración coa Resistenza. En 1947 escindiuse en dúas ramas: o PSI, guiado por Pietro Nenni, e o PSDI (Partito Socialista Democratico Italiano), guiado por Giuseppe Saragat. O afastamento entre o PSI e os comunistas permitiu a súa entrada nos gobernos de coalición dirixidos pola democracia cristiá. No período de 1978-1985, con Alessandro Pertini, acadou a presidencia da república, e o seu secretario xeral, Bettino Craxi, encabezou entre 1983 e 1987 un goberno de coalición. A corrupción xeneralizada nas institucións de goberno italianas ao principio da década de 1990 tamén implicou a Bettino Craxi, que dimitiu do seu cargo en 1993. A desfeita nas eleccións de 1994 (nas que só obtivo o 2,2% dos votos), os escándalos de corrupción e as loitas internas provocaron a súa autodisolución no 47º congreso (1994).