pasivo -va

pasivo -va

(< lat passīvu)

  1. adx
    1. Que non actúa ou non intervén.

      Ex: Os dentes son órganos pasivos da cavidade bucal. É unha persoa moi pasiva.

    2. Que non implica actividade ou intervención.

      Ex: Asiste todos os días a clase de ximnasia pasiva para recuperarse. Mantivo unha actitude de non violencia e resistencia pasiva

  2. adx

    Que sofre a influencia dunha acción.

    Ex: Os fumadores pasivos piden respecto nos lugares públicos.

  3. [LING]
    1. adx e s f

      Aplícase á oración en que o suxeito gramatical é o que recibe a acción do verbo. Esta construción corresponde, por transformación, a unha oración activa transitiva: o suxeito da oración activa converteuse, na pasiva, en axente introducido pola preposición por; o complemento obxecto da activa converteuse en suxeito paciente dun verbo formado polo auxiliar ser e mais o participio pasado do verbo transitivo. Por exemplo, á oración activa transitiva O camión tirou o sinal correspóndelle a oración pasiva O sinal foi tirado polo camión.

    2. voz pasiva

      Modalidade que presenta un verbo transitivo cando o suxeito gramatical denota a persoa ou cousa sobre a que recae a acción ou significación do verbo.

  4. adx [FÍS]

    Aplícase aos circuítos ou elementos que non conteñen ningunha fonte de enerxía.

  5. s m [ECON]

    Suma de todas as débedas que nun momento determinado ten pendentes unha empresa. A diferenza entre o valor do activo e o do pasivo dá lugar ao concepto de capital neto, ou simplemente neto, que cuantifica a situación patrimonial ou valor neto dunha empresa (activo menos pasivo, igual a neto).

Palabras veciñas

pasivación | pasivar | pasividade | pasivo -va | Paskevic, Ivan F’odorovic | pasmado -da | pasmar