pastorela

pastorela

(< fr pastourelle)

  1. s f [LIT]

    Composición lírica que combina tres elementos temáticos básicos: o paseo matinal e o encontro dun cabaleiro cunha pastora que garda o gando, un diálogo a través do que o mozo declara o seu amor á moza, e o desenlace da aventura, que pode ser o consentimento ou rexeitamento da requirida, e mesmo a burla de que é obxecto o galán, coa posible ou real intervención dos parentes ou o amado da pastora para auxiliala. A partir de Marcabrú, a poesía occitana conferiulle ao xénero a estrutura e a forma que se fixeron clásicas, aínda que o xénero presenta diversidade de matices en canto á forma, o estilo, a intención e os elementos constitutivos. Na lírica galego-portuguesa apenas se localizaron oito composicións, escritas na segunda metade do s XIII e das que só tres introducen as normas convencionais do xénero, especialmente o diálogo entre a pastora e o cabaleiro: “Pelo souto de Crecente”, de Johan Airas; “Quandeu hun dia fuy en Compostela”, de PedrAmigo de Sevilha; e “Vi ojeu cantar damor”, de Don Denis.

  2. s f [MÚS]

    Composición musical de ton alegre e sincero que xurdiu a finais do s XVII e que evoca a música e os cantos dos pastores.