Pastora, pazo da ou pazo de Santomé
Construción situada en Freixeiro (Vigo). Ten planta rectangular, con dous andares, cun corpo central e dúas torres nos extremos. Está construído en cantaría e cachotaría encalada nalgunhas zonas. No corpo central destacan as ventás rematadas en frontón triangular. A torre da esquerda é do s XVI e entregouna como dote Pedro Madruga á súa filla cando casou cun nobre portugués que o axudou nas Guerras Irmandiñas. Reformouno frei Antonio de Soutomaior entre 1623 e 1638, e posteriormente, no s XVIII, remodelárono nalgunhas zonas, entre outras, a decoración heráldica da fachada principal en estilo barroco. En 1815 Xoán Nepomuceno Ozores, conde de Priegue, remodelou a fachada posterior, cun amplo corpo central e dous laterais máis estreitos, a fachada oeste e os xardíns. A última reforma foi en 1939. Foi declarado BIC en 1955.