Pazos de Ulloa, Los
Novela publicada por Emilia Pardo Bazán en 1886. Claro exemplo da súa concepción naturalista da realidade, nela presenta un medio que condiciona o comportamento dos personaxes, onde aparece unha nobreza en plena decadencia económica e moral. A obra desenvólvese nos Pazos de Ulloa, situados nun recóndito lugar de Galicia, en 1880, onde a vida está marcada pola influencia da relixión, a bruxaría, a política e as paixóns. A chegada de Julián, un sacerdote delicado e sensible, a Ulloa terá imprevistas consecuencias. O marqués de Ulloa, rudo e paixonal, vese obrigado a contraer matrimonio con Nucha, unha rapaza de cidade, para quen o ambiente dos pazos é un pesadelo. O contrapunto de Nucha está representado por Sabela, a criada que tivo un fillo bastardo co marqués. Trátase dunha novela de aprendizaxe en que se amosa o tránsito da inocencia e do descoñecemento do mundo á dura madurez.