Peña Saavedra, Vicente
Pedagogo. Profesor (1980) de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, as súas liñas de investigación centráronse fundamentalmente na dimensión educativa e cultural da emigración transoceánica e continental (ss XVII-XXI), na educación popular na Galicia rural, no museísmo pedagóxico, e na historia e actualidade da educación en Galicia. Foi membro da sección de cultura galega no exterior do Consello da Cultura Galega (1993-1999) e do consello científico do Centro Ramón Piñeiro (1999-2001). Vén formando parte da comisión técnica do Arquivo da Emigración Galega (1993-1999 e 2000-2005), dirixiu o proxecto MUPEGA e colaborou na recuperación do patrimonio bibliográfico, hemerográfico e documental galego en América. Desde 2001 exerce como coordinador científico do MUPEGA. Presidiu o Primeiro Foro Ibérico de Museísmo Pedagóxico (2001), onde se aprobaron as “Bases para unha Rede Ibérica de Museísmo Pedagóxico”. Cofundador (1995) da revista Estudios Migratorios, das súas obras cómpre citar Las escuelas de americanos y las Sociedades de Instrución en Galicia (1991), Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar: la impronta educativa de la emigración transoceánica en Galicia (1991), Repertorio da prensa galega da emigración (1998), Repertorio biblio-hemerográfico da educación en Galicia, 1715-1970 (2001) e Os museos da educación en internet (2004). Pertence a varias asociacións científicas, entre elas a Sociedad Española de Pedagogía, Sociedad Española de Historia de la Educación (cofundador), Asociación para el Estudio de los Exilios y Migraciones Ibéricos Contemporáneos (cofundador), World Association for Educational Research, Asociación Internacional de Estudios Galegos, Consello Internacional de Museos (ICOM), Asociación Española de Museólogos (AEM) e a Sociedad Española para el Estudio del Patrimonio Histórico-Educativo (SEPHE) (cofundador e vicepresidente, 2003-2007).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : San Claudio, Ortigueira