Pérez

Pérez
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe patronímica moi frecuente en toda a Península e que tamén se estendeu por América. Procede do nome persoal de orixe latina Pero ou Pedro + o sufixo patronímico -ez (‘fillo de’).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que se asentou, sobre todo, en Asturias, Castela e Andalucía. En Galicia tivo casa na parroquia de Santa Mariña de Lesa (Coirós) na Coruña, e dela unha rama pasou a Andalucía e outra a Brasil. En Lugo tivo casas en Reiriz, Ribas del Sil e Sarria. En Ourense, en Chamosiños, Faramontaos, Freixo, Lobaces e San Pedro de Laroá. As armas da casa de Santa Mariña de Lesa levan, en campo de sinople, sete peras de ouro, postas en dous paus e unha no centro de punta; bordo de ouro con oito aspas de goles. Outras variantes da rama galega levan, en campo de prata, unha pereira de sinople, afroitada de ouro, superada dunha estrela de azul, de seis raios. Outra variante leva, en campo de azul, unha banda de goles, perfilada de ouro. Outra variante leva, en campo de prata, un pereiro de sinople, froitado de goles, acompañado de dúas flores de lis de azul, unha en cada lado.