Pinochet Ugarte, Augusto José Ramón

Pinochet Ugarte, Augusto José Ramón

(Valparaíso 25.11.1915) Militar e político chileno. Estudou na academia militar de Santiago e, en 1973, o presidente S. Allende nomeouno comandante en xefe do exército. En setembro de 1973 dirixiu un golpe de estado que depuxo e matou a Allende e o converteu no xefe da xunta militar que gobernou Chile. Desde 1974 presidiu a república e exerceu con gran rigor os seus poderes ditatoriais (2.115 vítimas durante o seu mandato). As eleccións de decembro de 1989 obrigárono a ceder o cargo a Patricio Aylwin, se ben continuou como xefe supremo do exército. En 1998 abandonou a comandancia do exército e autoproclamouse senador vitalicio de Chile, co que se asegurou a inmunidade diplomática. En novembro dese mesmo ano o xuíz español B. Garzón ordenou a súa detención en Londres e a extradición a España como acusado pola desaparición de cidadáns españois durante a ditadura chilena. Reino Unido non apoiou a extradición e en Chile nomearon un xuíz para investigar as causas criminais que tiña na súa contra. Procesado, os casos foron sobresidos pola Corte Suprema de Chile por razóns médicas (2002). En 2004 a Corte Suprema de Chile retiroulle a inmunidade para ser xulgado pola Operación Cóndor. En 2005 a xustiza chilena iniciou un proceso e decretou o seu arresto domiciliario polos crimes cometidos durante esta operación, aínda que días despois acadou a liberdade provisional. Abriuse unha investigación sobre as súas contas bancarias en EE UU.

Palabras veciñas

Pino, O | Pino, pazo do | Pino, San Vicente do | Pinochet Ugarte, Augusto José Ramón | Pinocho | pinocito | pinocitose