1 pita

1 pita

(

  1. s f [ANIMAL/ORNIT]
    1. Galiña nova que aínda non pon ovos.

    2. galiña.

  2. pita cega [XOGO]

    Xogo infantil en que un dos xogadores, cos ollos tapados cun pano, intenta coller e recoñecer a algún outro dos xogadores que están ao seu redor.

  3. pita cega [ANIMAL/ENTOM]

    Nome que reciben os insectos do xénero Gerris, de longas patas que vive en charcas e ríos.

  4. pita de auga [ANIMAL/ORNIT]

    galiñola.

  5. pita do monte [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de entre 62 e 90 cm, o macho ten a plumaxe negra, verdosa no peito, ás castañas, cola grande e redondada con pencas brancas, cella de cor vermella e un pequeno penacho de plumas debaixo do bico. A femia é parda e apencada, menor ca o macho. Habita en bosques caducifolios, de piñeiros e acivros con baixa densidade arbustiva, e aliméntase de materia vexetal. No inverno sobe ás árbores, para alimentarse e apenas se move ata que melloran as condicións, polo que a presenza de intrusos provoca a súa fuxida, e mingua a súa capacidade de supervivencia. Durante o celo, o macho sobe ás árbores, abre a cola en abano, estira o pescozo e canta como reclamo para as femias, polo que é presa fácil para os cazadores. Corre perigo de extinción, porque se viu reducida a especie e o seu hábitat. En España está presente na zona cantábrica e pirenaica, e en Galicia, ata hai pouco, estaba constatada a súa presenza nos Ancares, pero non hai datos recentes sobre o seu avistamento.

  6. pita dos abeledos [ANIMAL/ORNIT]

    Ave galiforme de 37cm de lonxitude os machos e un pouco menos as femias, cola longa, crista pequena, plumaxe parda avermellada ou gris, e na gorxa presentan unha mancha negra rodeada de branco. Vive no centro e N de Europa e parte de Asia.

  7. pita negra de auga [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 38 cm de lonxitude e de plumaxe de cor escura, co pico e a testa brancos. Carece de dimorfismo sexual e ten os ollos vermellos, as patas longas e verdosas, e unha cola curta. Habita en lagoas, litorais ou do interior, sempre que haxa vexetación, da que se alimentar, ademais de insectos, moluscos, etc. É de hábitos gregarios, e aniña en case toda Europa, e na Península Ibérica é moi abondosa; en Galicia, está presente todo o ano, e distribúese de forma irregular por todo o territorio.

  8. pita pintada [ANIMAL/ORNIT]

    Ave da orde dos gruiformes, de 23 cm, que ten as partes superiores de cor parda oliva escura con manchas e raias brancas, o bico curto e amarelado coa base vermella e as patas verdosas. Habita en terreos húmidos ou pantanosos de toda Europa continental, agás na Península Ibérica e no N de Escandinavia, Siberia occidental e NL de India.

Palabras veciñas

Piston, Walter | pistraca | Pisuerga | 1 pita | 2 pita | Pita | Pita