Plan Galicia
Plan educativo que se levou a cabo despois da aprobación da Lei Xeral de Educación de 1970. En 1971 a Secretaría Xeral Técnica do ministerio de Educación e Ciencia deu a coñecer o informe de planificación educativa en Galicia. Nese documento, facíase un diagnóstico do sistema educativo galego en que se asumían as carencias na política oficial e se marcaban obxectivos e accións de desenvolvemento para todos os sectores educativos sobre a base dun mapa de cabeceiras comarcais de concentración dos servizos educativos. Con este Plan pretendeuse, ademais, asegurarse a participación do Banco Mundial. Os obxectivos básicos de actuación en Galicia foron: a) lograr a escolarización total de alumnos en período de ensino obrigatorio (6-13) e b) realizar concentracións escolares co fin de mellorar a calidade do ensino e reducir os custos de funcionamento dos centros, reconvertendo as escolas unitarias e mixtas en grupos escolares. Polo que respecta ao ensino universitario primouse o crecemento da oferta educativa en Vigo e na Coruña e establecéronse os colexios universitarios en Lugo e Ourense.