Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega
Plan de normalización lingüística aprobado, por unanimidade, polo Parlamento de Galicia o 22 de setembro de 2004. Este Plan, no seu conxunto, está orientado a informar e a poñer en práctica unha serie de medidas -presenta catrocentas corenta e cinco propostas- que permitan a recuperación de falantes, unha maior dignificación da lingua e a súa asunción con naturalidade. A dirección técnica e redacción do proxecto, así como a supervisión e coordinación dos traballos das diferentes comisións sectoriais, foi asumida por unha comisión técnica formada por catro especialistas e presidida polo académico Manuel González; ademais formáronse oito grupos de traballo (comisións e subcomisións sectoriais) con máis de sesenta especialistas que se responsabilizaron da selección, definición e proposta do inventario de obxectivos específicos e de medidas ponderadas para cada un dos sectores en que se estruturou o Plan. Igualmente hai outras contribucións de persoas ás que se lles pediron achegas a través de entrevistas persoais (26) ou por medio de carta-cuestionario (959). O Plan establece cinco grandes obxectivos: a) garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións; b) conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos; c) introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou o cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística; d) promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda; e e) dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna. Para a súa consecución deseñáronse dous grandes bloques de actuación: os sectores transversais e os sectores verticais, cos seus respectivos obxectivos. Os primeiros, divididos en dereitos lingüísticos, novas tecnoloxías e implementación do corpus, estenden o seu ámbito de acción ao conxunto do Plan polo que, aínda que aparentemente carezan de medidas de actuación propias, logran os seus obxectivos por medio da súa proxección cara ás medidas de actuación deseñadas para cada un dos sectores verticais. Pola súa banda, os sectores verticais son sete, que se corresponden con outros tantos ámbitos sociais sobre os que se pretende actuar: administración (sector 1), educación, familia e mocidade (sector 2), medios de comunicación e industrias culturais (sector 3), economías (sector 4), sanidade (sector 5), sociedade (sector 6) e proxección exterior da lingua (sector 7).