Plan Xeral de Ordenamento Municipal
Instrumento de ordenamento integral do territorio que ten como obxectivo, no solo urbano, a regulación detallada do uso dos terreos e da edificación. Establece un modelo de ordenamento da estrutura xeral e orgánica do territorio, que consiste na fixación dos distintos usos do solo mediante a zonificación e os sistemas xerais. As determinacións básicas son: a clasificación e a cualificación do solo; a definición detallada dos sistemas xerais; a ordenación do solo urbano; a determinación precisa das operacións de renovación que deben realizarse, ademais dos programas e medidas concretas que se pretenden levar a cabo; a ordenación do solo urbanizable, fixando os programas de desenvolvemento a curto e medio prazo por medio de actuacións públicas e privadas; e o ordenamento do solo non urbanizable, establecendo medidas para a conservación dos espazos naturais.