platina

platina

(< fr platine)

  1. s f

    Peza plana e lisa, que eventualmente forma parte de diversas máquinas ou instrumentos.

  2. s f [TECNOL/FÍS]
    1. Receptáculo dos magnetófonos onde vai o casete.

    2. Conxunto de elementos de lectura de discos formado por un chasis, un prato co sistema de accionamento, un brazo e unha cabeza de lectura.

    1. s f [FÍS]

      Parte do microscopio onde se coloca o portaobxectos.

    2. platina de Fodorov/universal [MINERAL]

      Platina especial, adaptable á platina dos microscopios grandes polarizadores, de maneira que os diferentes movementos de ambas as dúas platinas se poidan efectuar arredor de cinco eixes; desta forma permite orientar en posicións especiais unha sección do mineral tallada nunha dirección calquera, e por combinación dos movementos de xiro é posible determinar en tal sección a súa orientación óptica, a natureza do elipsoide que lle corresponde ao mineral (de tres eixes ou de rotación) e a clase do cristal (biaxial, uniaxial ou isótropo).

  3. s f [FÍS]

    Disco de vidro ou de metal, perfectamente plano e liso, que na máquina pneumática se axusta coa campá.

  4. s f [TECNOL]

    Láminas ou placas metálicas que soportan os eixes do mecanismo dun reloxo. A platina sobre a que se fixa a esfera denomínase platina da esfera.

  5. s f [TECNOL]

    Táboa encima da que traballa unha máquina mecánica, xeralmente provista de ocos para os porlóns de suxeición das pezas que se queren mecanizar.

  6. s f [GRÁF]
    1. Táboa forte e ampla, antigamente de mármore ou de pedra puída, revestida cunha prancha moi lisa de bronce, cinc ou ferro, sobre a que se axustan e pousan as formas.

    2. Superficie plana das máquinas de imprimir, sobre a que descansa ou se fixa a forma.