Poitou ou Peiteu
Poitou ou Peiteu
Antiga rexión da Francia occidental, situada entre Bretaña e Anjou ao N, Turena ao NL, Berry ao L, Lemosín ao SL, Angoumois, Saintonge e Aunis ao S, e o Atlántico ao O. Ocupa unha parte da actual rexión administrativa de Poitou-Charentes. Zona de altiplanos calcarios xurásicos, a súa capital é Poitiers. Ocupada sucesivamente por romanos (56 a C), visigodos (s V) e francos (507), no s VIII pasou a depender do ducado de Aquitania. Con Ranulfo I (839-867) iniciouse a casa dos condes de Poitiers. Pasou a Francia (1137), a Inglaterra (1152) e de novo a Francia (1224). Cedida a Inglaterra durante a Guerra dos Cen Anos (1360), en 1375 foi reconquistada polos franceses. Carlos VII de Francia (1422-1461) integrouna no seu reino.