pomba

pomba

(< lat v *palumba)

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Nome común das aves da familia dos colúmbidos, de coloración xeralmente cincenta ou parda, granívoras, e de tamaño medio.

    2. pomba africana [cast: paloma de Guinea] [Columba guinea, Fam dos colúmbidos]

      Ave de entre 30 e 40 cm de lonxitude, de plumaxe parda agrisada e de cola negra, ás con pintas brancas, cabeza máis clara e ollo rodeado por un círculo vermello. É de orixe africana, pero comercialízase ás veces para uso doméstico.

    3. pomba brava [cast: paloma bravía] [Columba livia, Fam dos colúmbidos]

      Ave de 33 cm de lonxitude, cun patrón de coloración moi variable; xeralmente é de cor gris azulada con dúas franxas negras nas ás, banda negra ao final da cola, e pescozo, peito e patas rosados. Dela descende a pomba doméstica, que habita en xardíns e zonas urbanas. En estado salvaxe, dáse en todo o S de Europa, e en España e Galicia é sedentaria. Con todo, a doméstica é máis abondosa e pode atoparse en cantís e penedías. Aliméntase principalmente de grans, pero tamén come moluscos pequenos e algas.

    4. pomba cristada australiana [cast: paloma antártica; ingl: Topknot Pigeon] [Lopholaimus antarticus, Fam dos colúmbidos]

      Ave de entre 40 e 60 cm, de plumaxe agrisada, e cunha franxa branca na cola e outra vermella desde o ollo ata a caluga. É natural de Australia, e vive en bosques tropicais.

    5. pomba de Nicobar [Caloenas nicobarica, Fam dos colúmbidos]

      Ave de ata 40 cm, con longas plumas verde escura iridiscente rodeando o pescozo, e cunha escrecencia negra na base do pico. Vive nas illas que rodean Nova Guinea.

    6. pomba mensaxeira

      Pomba dedicada ao transporte de mensaxes desde un lugar remoto ata o seu pombal.

    7. pomba paporrubia [Gallicolumba luzonica, Fam dos colúmbidos]

      Ave de ata 29 cm, coa plumaxe ventral branca e cunha mancha vermella no peito e no pescozo. Aliméntase de froita e gran. É común como ave de aviario. É natural de Filipinas.

    8. pomba plumífera branca

      Pomba doméstica, xeralmente de cor branca, que ten na cabeza unhas plumas longas que lle caen polos lados.

    9. pomba rabibranca [Columba junoniae, Fam dos colúmbidos]

      Ave de 40 cm de lonxitude, de plumaxe roxa escura no ventre, e parda no dorso. Ten no pescozo irisacións verdosas e a cola remata nunha franxa branca. É endémica das Canarias, onde habita na laurisilva.

    10. pomba rabinegra [Columba bollii, Fam dos colúmbidos]

      Ave de plumaxe parda roxa no peito e cunha franxa escura na cola. É endémica das Canarias, onde vive nos bosques de laurisilva.

    11. pomba vitoria [Goura victoria, Fam dos colúmbidos]

      Ave de ata 66 cm, de plumaxe azulada, cunha banda vermella no dorso e unha crista na cabeza, coas puntas brancas. Natural de Nova Guinea, aliméntase de froitas.

    12. pomba zura [cast: paloma zurita] [Columba oenas, Fam dos colúmbidos]

      Ave de 33 cm de lonxitude, de plumaxe cincenta, e cos extremos das ás negras e sen dimorfismo sexual. Vive nas fragas e aliméntase de sementes e pequenos moluscos. Distribúese por case toda Europa, pero en Galicia non é moi abondosa e pode verse como sedentaria no SO da rexión, onde vive formando pequenas colonias.

  2. s f

    Persoa bondadosa e de carácter afable.

Refráns

  • Ó pombal caído non vale botarlle trigo.
  • O pombal esborrallado non precisa ter tellado.

Palabras veciñas

pomatómido -da | Pomatomus | Pomatoschistus | pomba | Pomba | Pomba | pombal