Pontedeume, accións de

Pontedeume, accións de

Enfrontamentos entre as tropas invasoras francesas e os labregos. A depredación que practicaban os franceses a comezos de 1809 na rexión comprendida entre Betanzos e Ferrol, esixindo contribucións de cebada, palla, trigo e viño, e tomándoo pola forza no caso de non recibilo, provocou a resistencia dos labregos, que adoptaron o sistema de guerrillas. O día 6 de febreiro capturaron algúns soldados franceses das tropas do mariscal Ney e queimáronos en Andrade (Pontedeume). Entre o 20 e o 21 de febreiro de 1809 os habitantes da zona realizaron un ataque durante a noite e mataron a todos os oficiais e á tropa francesa. Posteriormente enterráronos nos piñeirais, mentres que os cabalos foron conducidos ata Ribadavia e entregados ao marqués de La Romana.