porta

porta

(< lat pŏrta)

    1. s f

      Abertura feita ou deixada expresamente nunha parede, reixa, valado, ou noutro lugar, desde o chan ata unha altura conveniente, que permite entrar e saír.

    2. s f

      Abertura de acceso a un lugar.

    3. s f

      Abertura dun forno de panadeiro, de oleiro, de vidreiro ou doutro artesán, pola que se enforna e desenforna e a través da que se efectúan outras operacións propias dun forno.

    4. porta carreteira

      Porta grande dunha casa de labranza, que permitía o paso do carro.

    5. porta de entrada [CONSTR]

      Acceso principal dunha cidade ou dun edificio. Primitivo medio de defensa, as portas fortificadas dos castelos e cidades medievais protexíanse coa ponte levadiza, por torres de ángulo e galerías secretas. OBS: Tamén se denomina porta.

    6. porta do perdón / [CONSTR/RELIX]

      Porta aberta nun lateral dalgunhas catedrais, normalmente cara a occidente, onde os fieis poden gañar indulxencias ao entrar por ela. Destaca a da catedral de Granada (s XVI).

    7. porta falsa [CONSTR]

      Porta situada na parte traseira ou lateral dun edificio e que non é a principal.

    8. porta santa / [CONSTR/RELIX]

      Porta que hai nas basílicas maiores romanas e nalgunha outra basílica da cristiandade, como a catedral de Santiago de Compostela, situada nalgúns casos ao lado da porta principal de ingreso, e que se abre solemnemente en ocasión do xubileu ou Ano Santo, na vixilia de Nadal, e se pecha solemnemente na mesma data do ano seguinte. OBS: En Santiago de Compostela tamén se denomina porta do perdón e está na praza da Quintana; dá acceso ao deambulatorio.

    9. porta triunfal / [ARTE/CONSTR]

      Porta illada monumental, de carácter conmemorativo, que ten forma de arco de triunfo.

  1. s f [CONSTR]
    1. Peza móbil, xeralmente plana, de madeira, ferro, vidro ou outra materia sólida, que, adaptada a unha abertura, a pecha ou permite o paso por ela, ao ser accionada manual, mecanicamente ou automaticamente ao xirar ao redor dun eixe contido no plano da parede, do cerrado, etc, ou ao correr paralelamente ao muro, etc. As portas tradicionais, xiran arredor dun eixe vertical constituído polos elementos que as fixan á abertura (as bisagras suxeitas ao marco ou os gonzos fixados á xamba); poden cubrir toda a abertura cunha soa peza (porta dunha folla ou dun batente) ou ben constar de dúas pezas (porta de dúas follas ou de dous batentes), poden ser macizas de diferentes materiais e poden dar acceso a unha casa, a un cuarto, a outra estancia ou a un balcón (porta balconeira). Adoitan ser accionabas nun só sentido (cara a dentro ou cara a fóra) ou nos dous (portas de folla oscilante). As portas grandes, especialmente as que tiñan que permitir o paso de carruaxes ou de automóbiles, estaban constituídas por varias pezas planas articuladas entre elas con bisagras (porta composta), que eventualmente podían ser pregadas unhas sobre as outras (porta de libro), ou ben por unha ou máis pezas desprazables lateralmente dentro dunha guías (porta corrediza), que eventualmente podían quedar ocultas, ao abrilas, dentro dun aloxamento especialmente practicado na parede; estas portas foron substituídas por portas metálicas enrolables, ou por portas basculantes de eixe de xiro horizontal (portas basculantes) ou compostas por dúas ou máis seccións articuladas, de eixes tamén horizontais (portas articuladas ou seccionais). A maioría son accionadas por un motor con mando por control remoto. Algúns locais públicos teñen portas xiratorias, formadas catro pezas planas con vidro, fixadas radialmente a un eixe vertical formando ángulos rectos; estas portas xiran ao empurralas dentro dun oco cilíndrico con dúas aberturas diametralmente opostas, o eixe da cal era o eixe de rotación da porta, ao que están soldadas as pezas que a constitúen. Estas portas foron substituídas por portas automáticas, de vidro, accionadas ben ao cruzar unha persoa, un vehículo, ou calquera outra cousa, o feixe luminoso dunha célula fotoeléctrica, ben pola presión exercida sobre unha plataforma, ao pasar unha persoa; as portas automáticas poden ser de superficie plana ou cilíndrica, e as de superficie plana poden ser de follas ou corredizas. Na industria empréganse portas flexibles de materiais plásticos. Os locais de espectáculos teñen que dispoñer obrigatoriamente dunha ou máis portas, segundo a súa natureza construtiva e segundo a súa cabida, chamadas portas de emerxencia, que han de estar dotadas con dispositivos antipánico para permitir unha rápida saída en caso de necesidade ou de perigo, por exemplo en caso de incendio.

    2. Peza de madeira ou doutra materia sólida destinada a tapar ou a interceptar algunha cousa.

  2. s f
    1. Lugar por onde se accede a un sitio.

      Ex: A cidade estaba ás portas do deserto.

      Sinónimos: acceso, entrada.
    2. Momento, espazo ou tempo que dá inicio a algo.

      Ex: Estamos na porta dun novo milenio.

  3. [HIST]
    1. s f

      Residencia e despacho de soberanos e ministros no Imperio Otomán. A denominación derivaba do costume de administrar xustiza na porta da tenda ou do palacio. A porta por excelencia era a Sublime Porta.

    2. porta de ouro

      Corte dos reis aqueménidas en Persia.

  4. s f [DEP]

    portaría.

  5. s f [XEOG]

    Desfiladeiro longo entre montañas que permite unha pasaxe cómoda. Son coñecidas a porta de Aquitania, situada entre Cevenes e os Pireneos e que comunica o Mediterráneo co Atlántico; as portas do Caspio ou de Sirdāra, no altiplano de Irán; as portas de Cilicia, nas montañas de Amanos, perto do golfo de Iskenderun; e as portas de Ferro, entre os Alpes de Transilvania e os Balcáns, e por onde pasa o Danubio.

  6. [FÍS]
    1. s f

      Eléctrodo auxiliar de certos dispositivos electrónicos semicondutores, como por exemplo tiristores, transistores de efecto de campo, etc, destinado a controlar ou disparar o dispositivo.

    2. porta lóxica

      Circuíto lóxico cunha ou máis entradas e unha saída, que unicamente permite o paso do sinal cara á saída se se cumprisen certas condicións fixadas previamente.

  7. falsa porta [ARTE]

    Estela exipcia de carácter funerario que simboliza a comunicación entre o mundo dos vivos e o dos mortos, e que adoitaba situarse nas mastabas imitando unha porta.

  8. sistema porta [ZOOL]

    Sistema especial de comunicación venosa entre órganos, que se compón dunhas ramas que forman un tronco que, despois, se volve a dividir en ramas terminais.

  9. vea porta [ZOOL]

    ea que se forma no extremo do páncreas pola unión das veas mesentéricas superior e inferior coa esplénica; acaba no fígado por medio de dúas ramas que despois se subdividen.

Frases feitas

  • A porta aberta loc adv De maneira pública.

  • A porta cerrada/pechada loc adv De maneira secreta.

  • Bater/Chamar á porta (de alguén) (ou a todas as portas). Solicitar a axuda de alguén ou de todos.

  • De portas a dentro loc adv Na intimidade.

  • De portas a fóra loc adv De cara ao exterior.

  • Deixar unha porta aberta. Deixar unha posibilidade.

  • Pecharlle (a alguén) todas as portas. Negarlle a algúen toda axuda.

  • Ás portas. Moi próximo a algo.

Refráns

  • A boa portada honra unha casa.
  • A cada porta, a súa dona.
  • A porta falsa destrúe a casa.
  • A porta falsa" é a que gasta a casa.
  • A porta pechada, labor mellorada.
  • A porta pechada, o demo a garda.
  • A porta por onde entrares déixaa como a topares.
  • A porta vella, caravilla nova.
  • A portas vellas, agarradallas novas.
  • A portas vellas, chamadoiros novoso
  • Abrir para que entren na leira é facer unha estragueira.
  • Cada porta pide a súa chave.
  • Cada porta quere o seu pestillo.
  • Casa con dúas portas mala é de gardar.
  • En chamando á porta, se é que non responden, ou non está ninguén ou é que se esconden.
  • Obra de portal pouco dura, se se faí mal.
  • Para a porta é a pechadura; e para o cabalo, a ferradura.
  • Pecha a porta e daca a chave: quen veña para entrar que chame.
  • Peche eu a miña porta con candado e chave: e quen viñer que chame.
  • Pola porta aberta o demo entra.
  • Por onde entrares, deixa a porta como a topares.
  • Porta aberta garda a casa.
  • ¡Vaia ao demo a chave que moitas portas abre!