Praga, Círculo Lingüístico de

Praga, Círculo Lingüístico de
Nome científico: [Pražsky lingvistický kroužek]

Grupo fundado en outubro de 1926 polos lingüistas B. Havraneck e N. S. Trubečkoij, entre outros, influídos pola obra de F. Saussure, e polos teóricos da literatura R. Wellek e J. Mukarousky, aos que se uniron os teóricos rusos R. Jakobson e P. Bogatirev, fundadores da corrente formalista, agrupados baixo a presidencia de Vilém Mathesius. Consolidou o movemento estruturalista e destacou, sobre todo, o aspecto fonolóxico (Travaux du Cercle Linguistique de Prague, 1929-1939). O Círculo Lingüístico de Praga destacou o valor semiótico do fonema, ou sexa, da súa capacidade de establecer diferenzas de significados. A análise dos feitos lingüísticos é ante todo sincrónica, aínda que sen excluír a diacrónica. A confluencia das nocións e métodos do estruturalismo lingüístico coas teses do formalismo ruso á poética, deu lugar, entre outras contribucións, a unha concepción da obra literaria como estrutura funcional na que os diferentes elementos que a compoñen teñen unha función específica no conxunto. Deste xeito, un mesmo elemento pode desempeñar funcións absolutamente diferentes en estruturas diversas; de aí que propoñan un estudo da obra literaria baseada na análise por niveis (fónico, léxico, sintáctico e semántico) dos elementos lingüísticos que a compoñen. No que se refire á reflexión sobre as funcións da linguaxe, considérase que a obra literaria é un signo autónomo, no que a función estética predomina sobre a comunicativa. A invasión de Checoslovaquia disolveu practicamente o Círculo, pero a escola de lingüistas checos que se creou continúa.

Palabras veciñas

Praetorius, Michael | praga | Praga | Praga, Círculo Lingüístico de | Praga, Congreso de | Praga, Emilio | Praga, Marco