praseodimio

praseodimio

(< praseo- + gr δἱδνμος ‘irmán xemelgo’)

Nome científico: [Pr]
s m [QUÍM]

Elemento metálico, de número atómico 59, pertencente á familia dos lantánidos e de peso atómico 140,91. Foi descuberto en 1885 por C. Auer von Welsbach. Está presente na natureza en forma de praseodimia (Pr2O3), como constituínte da monacita, da que se separa por intercambio iónico e extracción con disolventes. Conséguese a preparación do metal por redución do tricloruro (PrCl3) con calcio a 1.000°C. Ten un carácter fortemente electropositivo (E0Pr/Pr3+=-2,47V), reacciona coa auga liberando hidróxeno e disólvese rapidamente nos ácidos diluídos. Prende con facilidade en atmosfera de osíxeno formando o óxido Pr2O3 e combínase en quente cos non-metais. Emprégase en forma metálica como núcleo na fabricación de arcos de carbono para a iluminación. Os seus compostos trivalentes teñen aplicación como colorantes para vidros e esmaltes.

Palabras veciñas

pranto | praseo- | praseodimia | praseodimio | prasinofíceo -a | prasio | Prasiola