1 prata

1 prata

(

  1. [QUÍM]
    1. nitrato de prata [AgNO 3 ]

      Sal de prata, o máis importante deles, que se obtén por acción do ácido nítrico sobre o metal puro ou sobre aliaxes prata-cobre. Emprégase principalmente na preparación de haluros de prata, que teñen aplicación na industria fotográfica como reactivo analítico, na fabricación de espellos e na tintura dos cabelos. En medicina emprégase, diluído, como antiséptico e astrinxente. Mesturado con pequenas cantidades de cloruro de prata ou de nitrato potásico recibe o nome de pedra infernal, e emprégase como cauterio.

    2. óxido de prata

      Óxido formado pola prata. O chamado óxido arxentoso (Ag 2 O) obtense tratando solucións de sales de prata con hidróxidos alcalinos. Emprégase como catalizador e na industria do vidro, e as súas solucións amoniacais depositan lentamente unha substancia explosiva chamada prata fulminante. O chamado óxido arxéntico (AgO) obtense tratando solucións de sales de prata con peroxidisulfatos en medio básico. Adoita empregarse na fabricación de baterías de cinc-óxido de prata.

    3. prata coloidal

      Denominación xenérica das solucións coloidais de prata que se obteñen de sales solubles de prata, ou ben por pulverización eléctrica. Empregáronse en medicina como bactericida.

    4. prata coloidal eléctrica

      Suspensión de prata coloidal obtida por electrólise. Ten as mesmas aplicacións que a prata coloidal, e adminístrase especialmente por vía parenteral.

    5. sal de prata

      Nome que recibe, a causa do aspecto arxentado dos seus cristais, o 2-antraquinonasulfonato sódico, empregado na fabricación de colorantes.

    6. sulfato de prata [Ag 2 SO 4 ]

      Sólido en forma de cristais, que se obtén facilmente a partir de solucións concentradas de nitrato de prata e un sulfato.

    7. sulfuro de prata [Ag 2 S]

      Sólido en forma de pos que se obtén precipitando unha solución de nitrato de prata con sulfuro de hidróxeno, e provoca o ennegrecemento da prata ao aire. Emprégase en cerámica e para nielar.

    8. vitelinato de prata

      Proteína complexa que contén polo menos un 20% de prata. Emprégase como antiséptico e astrinxente para lavados e colirios.

    9. s f

      Elemento metálico do grupo IB da táboa periódica (5º período), de número atómico 47 e peso atómico 107,8682, case sempre de valencia 1, e bivalente nalgúns compostos raros. É o metal máis branco, de maior poder reflector, dúctil e maleable despois do ouro, e o mellor condutor de calor e electricidade. A pesar de ser moi escaso, atópase moi disperso por toda a codia terrestre, incluso no mar. Calcúlase que supón o 0,00004% do seu peso. Preséntase, ou ben en estado nativo, xeralmente aliado co ouro, mercurio, antimonio, cobre ou chumbo, e formando enormes bloques, ou ben combinado con outros elementos formando numerosos minerais, dos que o máis importante é a arxentita. Con todo, o metal extraído dos minerais propios da prata non pasa do 20% da produción total mundial. O resto provén de minerais nos que se atopa xunto con outros elementos. A obtención de prata pura comezou co procedemento da fusión directa en presenza de chumbo, que se converteu no máis simple e adaptable a todo mineral de materiais arxentíferos. Como resultado obtense unha aliaxe de chumbo e prata que pode enriquecerse mediante diversos tratamentos, para obter un concentrado, do que se illa por copelación. O metal obtido ten unha proporción de prata case sempre superior ao 99%. Se se necesita un produto final de maior pureza, cómpre recorrer a procedementos electrolíticos, que aumentan o contido en prata a valores iguais ou superiores ao 99,95%. Presenta características dos elementos de transición, aos que pertence. Polo tanto, aínda que dá sales normais, co catión Ag + , esta entra facilmente a formar complexos, constituíndo o elemento central de anións ou catións. En solución, o ión Ag + redúcese facilmente a prata metálica, mediante numerosos redutores inorgánicos (Fe 2+ , Zn metálico) ou orgánicos. Inclúese entre os metais chamados “nobres” pola súa baixa reactividade química. O metal non é alterado polo aire húmido ou seco, e resiste a acción das bases e da maioría dos ácidos. A pesar diso, o ácido nítrico atácao en frío, e o sulfuro de hidróxeno recúbreo dunha fina película negra de sulfuro. A prata pura (fina) emprégase na obtención dos seus sales, na prateadura e no revestimento de aparatos destinados á industria química ou alimentaria, ou á obtención de auga destilada. A pesar de posuír algunhas características notables como metal, apenas se emprega soa debido á súa baixa resistencia mecánica. A súa dureza aumenta considerablemente cando está aliada con cobre nunha proporción do 10 ao 20%, e o ennegrecemento pódese corrixir coa adición de cadmio. Antigamente as moedas, e na actualidade os obxectos de decoración, de xoiaría e os utensilios de mesa adoitan facerse con aliaxes prata-cobre. As aliaxes prata-cadmio, resistentes ao ataque por cloro, empréganse en prataría e xoiaría de fantasía, e en maquinaria industrial, así como na construción de contactos eléctricos para cargas baixas. Para a construción de instalacións químicas e contactos eléctricos empréganse tamén aliaxes prata-silicio e prata-níquel. Analiticamente a prata detéctase, xeralmente, pola insolubilidade do seu cloruro, e valórase volumetricamente polo método de Volhard ou, a nivel de trazas, colorimetricamente. Algúns dos seus sales utilízanse na industria fotográfica e como antisépticos en medicina. A propia prata metálica proporciónalle á auga propiedades bactericidas. En Europa, divulgouse durante a Idade de Bronce, a partir do ano 2.000 a C, ligada á época do vaso campaniforme e, na Península Ibérica, á cultura argárica, que comezou as explotacións mineiras na parte meridional peninsular que despois tomarían moita importancia na economía do mundo mediterráneo, o que explica o florecemento de Tartesos e a colonización fenicia. Nestes fenómenos coloniais a prata tivo un papel destacado xunto co ouro e o cobre, pero coa aparición da moeda adquiriu un novo valor no mundo antigo, pois tomándoa como patrón, as moedas gregas e romanas constituíron os sistemas máis importantes da economía antiga: o da dracma grega e o do denario romano. Na época posromana, o fragmentado mundo europeo non tivo un único elemento monetario básico. Mentres que a moeda básica dos francos merovinxios e carolinxios era a prata, o mundo mediterráneo tomou como patrón o ouro de Bizancio, o solidus, e o mundo islámico tiña tamén unha moeda de ouro como base, o dinar, imitación do aureus bizantino. Mentres, en Al-Andalus circulaba a moeda batida con ouro sudanés, nos estados cristiáns do norte da Península Ibérica circulaba moeda de prata e de billón de tipo carolinxio; pero, a partir do s XI, as relacións económicas, cada vez máis intensas entre os mundos islámico e cristián axudaron á difusión do ouro por Europa occidental. En xeral, ata 1340 aproximadamente, parece que a prata foi exportada de Occidente co fin de saldar o seu comercio co imperio mongol. O ouro oriental, sobre todo por Bizancio, debía refluír cara a Occidente, que entón puido multiplicar a cuñaxe de moeda de ouro. O incremento dos gastos militares e o bloqueo das rutas a Asia Menor, que reduciu os mercados occidentais en Exipto, onde a prata tiña máis valor ca o ouro, fixeron aumentar de xeito gradual o valor desta, o que explica o incremento repentino que experimentou a súa explotación mineira a partir de 1460, principalmente en Europa central (Saxonia, Bohemia e Hungría), que foi posible grazas ao descubrimento de novos métodos de separación do chumbo da prata. A mediados de s XVI, as minas europeas entraron en decadencia e, a partir de 1550, a prata americana tomou o lugar da europea e provocou unha inflación forte e sostida. O ouro comezou a escasear e aumentou o seu valor, pero, a partir do 1680, o equilibrio entre o ouro e a prata variou de novo coa chegada a Europa do ouro de Brasil. O movemento dun dos dous metais sempre influíu sobre o outro. O ouro relativamente abondoso nos derradeiros anos do s XV desencadeou a actividade nas minas de prata de Alemaña. Do mesmo xeito, a difusión do ouro brasileiro, sobre o ano 1680, estimulou as minas de prata do Potosí e, máis aínda, as minas de Nueva España. Durante o s XIX, o aumento do ouro e a prata en circulación, a causa do descubrimento das minas de California, Australia e, máis tarde, África, tomou unhas proporcións nunca acadadas. A abundancia dos metais preciosos creou abundancia monetaria. Iniciáronse debates entre “monometalistas” e “bimetalistas” para establecer un patrón moeda. A sucesiva adaptación por parte dos países do patrón ouro orixinou a perda gradual da posición preponderante da prata no uso monetario. Dúas terceiras partes do consumo mundial de prata empréganse con finalidades artísticas e ornamentais.

    10. bromuro de prata [AgBr]

      Sólido en forma de pos ou cristais de cor amarela pálida, que ennegrecen por efecto da luz. É o produto fotosensible nas emulsións fotográficas ordinarias.

    11. cianuro de prata [AgCN]

      Sólido en forma de pos brancos, que se preparan por acción dun cianuro básico sobre unha solución de sal de prata. Solubles en exceso de cianuro, o dicianoarxentato obtido emprégase ([Ag(CN)2] - ) como electrólito na prateadura por electrodeposición.

    12. cloruro de prata [AgCl]

      Sólido en forma de pos brancos que se obteñen precipitando unha solución de sal de prata cun cloruro. Emprégase en fotografía.

    13. fluoruro de prata

      Combinación de flúor con prata. O monofluoruro (AgF) forma diversos hidratos e emprégase como antiséptico e en síntese orgánica. O difluoruro (AgF 2 ) descomponse por acción da luz e instantaneamente en contacto coa auga. Emprégase na fluoración de hidrocarburos. O hemifluoruro (Ag 2 F) é inestable por riba dos 90°C, e hidrolízase por acción da auga, formando o monofluoruro de prata.

    14. ioduro de prata [AgI]

      Sólido que se obtén precipitando unha solución de sal de prata cun ioduro. Emprégase en fotografía e na obtención de chuvia artificial.

  2. s f

    Obxecto ou conxunto de obxectos elaborados con este metal.

Refráns

  • Prata é sempre o que prata vale.