quiste

quiste

(< grκύστις ‘vexiga’)

  1. [PAT]
    1. s m

      Produción patolóxica en forma de bolsa pechada provista dunha membrana e con contido líquido ou semilíquido, que se desenvolve en diversos lugares do organismo debido á alteración dos tecidos.

    2. quiste dental

      Quiste formado na raíz das enxivas, nun dente que falta, en forma de masa adherente.

    3. quiste dermoide

      Quiste en que as paredes teñen os trazos da pel normal e contén produtos de secreción das glándulas pilosebáceas e sudoríparas, ou incluso formacións de orixe epidérmica.

    4. quiste hidatídico

      Quiste formado polo crecemento dunha larva da tenia do xénero Echinococcus. Localízase preferentemente no fígado e no pulmón.

    5. quiste óseo

      Quiste localizado na metáfise dos ósos longos de individuos novos.

    6. quiste ovárico

      Saco tumoral cheo de líquido ou dun material semisólido que se desenvolve sobre ou dentro do ovario.

    7. quiste renal

      Quiste que se desenvolve no seo do tecido renal sen comunicación coas vías excretoras.

    8. quiste sebáceo

      Quiste subepidérmico formado pola acumulación dos produtos de secreción dunha glándula sebácea.

  2. s m [BIOL]
    1. Forma de resistencia de moitas talófitas, bacterias e protozoos, que se caracteriza pola acumulación de substancias de reserva, lixeira diminución de volume, deshidratación e formación dunha cuberta protectora e illante (enquistamento). A célula ou grupo de células enquistadas entran en vida latente, que se interrompe cando as condicións ambientais volven ser favorables.

    2. Membrana resistente, grosa e impermeable, que envolve ás células que están en estado de vida latente.

Formas incorrectas

ciste