ra

ra

(< lat rāna)

  1. [ANIMAL]
    1. s f

      Anfibio anuro na súa etapa posmetamorfose, con extremidades posteriores moito máis longas ca as anteriores, adaptadas para o salto, dedos unidos por unha membrana interdixital e pel lisa e húmida. Na época reprodutora os machos croan incansablemente, grazas aos sacos vocais membranosos que teñen na gorxa, para atraer as femias. Presentan fecundación externa, e o macho fecunda os ovos a medida que a femia realiza a posta, que ten lugar na auga. Os cágados, que nacen sen patas e con branquias internas, pasan na auga por distintos estadios ata completar a metamorfose, pasando a ser idénticos aos adultos, pero de menor tamaño. Aínda que os cágados son xeralmente detritívoros, os adultos aliméntanse de artrópodos aos que localizan pola vista. En Galicia habitan catro especies, a ra verde, a ra do monte, a ra patilonga e a ra de Santo Antón. A especie máis abundante e estendida é a ra verde, aínda que a máis característica e específica galega é a ra patilonga, que se pode considerar un endemismo galego.

    2. ra de Santo Antón

      1 rela.

    3. ra patilonga [Rana iberica, Fam dos ránidos]

      Ra que non sobrepasa os 55 mm de lonxitude, con fociño apuntado, patas anteriores con catro dedos e as posteriores relativamente máis longas ca as das outras ras, con cinco dedos unidos por unha membrana interdixital ben desenvolvida. O dorso é de coloración variable, pode presentar manchas escuras e ten unha mancha postocular que se prolonga anteriormente ata os orificios nasais. O ventre é de cor abrancazada e a gorxa con xaspeado ou reticulado agrisado que deixa unha banda central clara moi característica. As femias son de maior tamaño ca os machos, que son máis esveltos e coas patas dianteiras máis robustas. Durante o celo o macho presenta calosidades nupciais escuras sobre a cara interna do primeiro dedo das patas dianteiras. Vive en ambientes húmidos e frescos preto de cursos de auga limpa. É unha especie que cría en augas rápidas onde non se atopan outras ras, sendo moi áxil no salto e a natación. O período de celo é en marzo-abril, pero nas zonas baixas adiántase a xaneiro. Trátase dun endemismo ibérico do noroeste peninsular que penetra polo sistema Central ata a serra de Guadarrama. Moi abondosa en Galicia, acada os 1.800 m, onde é substituída pola ra do monte. Esta é a especie de ra máis característica de Galicia xa que, aínda que tamén se encontra noutros lugares, é onde está a maior parte dos seus efectivos, constituíndo o centro da súa distribución.

    4. ra verde [Rana perezi, Fam dos ránidos]

      Ra de tamaño medio que pode acadar os 100 mm de lonxitude, sendo a especie máis grande das atopadas en Galicia. A cabeza ten lonxitude e anchura similares, co fociño lixeiramente apuntado e os ollos prominentes, con pupila horizontal e próximos entre si. As patas dianteiras son robustas con catro dedos libres, e as traseiras longas e fortes con cinco dedos unidos por membranas interdixitais amplas. A cor dorsal é xeralmente verdosa aínda que pode variar entre o verde claro e o pardo claro, e sobre esta cor ten manchas escuras que poden aparecer en bandas transversais sobre as patas traseiras. Con frecuencia aparece unha liña vertebral máis clara, abrancazada ou verdosa. A parte ventral é abrancazada, podendo aparecer manchas de cor gris parda ou negras. Esta especie forma parte do complexo de ras verdes europeas, pouco diferenciadas entre si (algunhas especies de ras europeas non son verdadeiras especies senón híbridos). As femias son de maior tamaño ca os machos, que presentan sacos vocais patentes e patas dianteiras máis longas e robustas. Durante o celo o macho presenta calosidades nupciais escuras sobre a cara interna do primeiro dedo das patas dianteiras. É unha especie acuática e pode aparecer en calquera punto de auga independentemente da súa calidade, aínda que prefire as augas de pouca corrente. A época de celo ten lugar de marzo a mediados de verán. Trátase dun endemismo ibérico distribuído por toda a Península Ibérica. En Galicia é moi común, sendo máis abondosa nos ambientes cálidos.

    5. ra vermella/do monte [Rana temporaria, Fam dos ránidos]

      Ra de aspecto robusto, que pode sobrepasar os 90 mm de lonxitude, con fociño redondeado, patas anteriores con catro dedos libres, e patas traseiras longas con cinco dedos unidos por membranas interdixitais de tamaño variable. O dorso é alaranxado, amarelento ou ocre con manchas marróns ou negras, e cunha mancha escura postocular. O ventre é branco ou amarelento. As femias son de maior tamaño ca os machos, que posúen sacos vocais internos e patas dianteiras máis robustas. Durante o celo o macho presenta calosidades nupciais escuras sobre a cara interna do primeiro dedo das patas dianteiras, e algúns tamén teñen tonalidades violáceas na gorxa. Os adultos atópanse nas fragas e acoden á auga no inverno para a reprodución. A época de celo é na montaña a partir do desxeo e na costa entre decembro e xaneiro. Reprodúcese en augas pouco fondas e sen corrente. Trátase dunha especie paleártica que na Península Ibérica ocupa Os Pireneos, Cordilleira Cantábrica e a metade N de Galicia ata o nivel do mar, limitándose na zona SL aos cumios de Trevinca e Manzaneda. As ras do monte galegas son moito máis pequenas ca as de Asturias e Os Ancares.

  2. s f

    Peza do sistema de rotación do muíño sobre a que encaixa o grilo.

Refráns

  • Canta a ra e non ten pelo nin la.
  • Monte de ra, nio palla nin grá.
  • Se por marzo canta a ra, no maio xa calará.

Palabras veciñas

R | ṛ ṣ | R.A.I.G. | ra | Ra | RA | Ra id Paxá, Mustafà