radiación

radiación

(

  1. s f

    Acción e efecto de radiar.

    1. s f [FÍS]

      Emisión e propagación de enerxía sen necesidade dun soporte material. Para representar a traxectoria dunha radiación na súa propagación polo espazo, ideouse o raio. Segundo a súa orixe, fálase de radiación térmica (ou calorífica) cando é emitida por un corpo en virtude da súa temperatura, de radiación electromagnética se foi creada por cargas eléctricas en movemento respecto ao observador, e de radiación do corpo negro no estudo da absorción e a emisión de enerxía radiante do corpo negro. Calquera que sexa a súa orixe, é a onda electromagnética a que representa fisicamente unha radiación no estudo do seu comportamento durante a súa propagación. Por iso, unha radiación caracterízase pola súa frecuencia (ou lonxitude de onda), intensidade e polarización. As diferentes leis ou teorías sobre a radiación foron propostas por Boltzmann, Kirchhoff, Planck, Rayleigh, Stefan e Wien.

    2. s f [FÍS]

      Partícula elemental emitida polos núcleos radioactivos.

    3. radiación atmosférica / [ASTRON/METEOR]

      Enerxía emitida en forma de radiación electromagnética pola atmosfera como consecuencia do seu quecemento, e que varía dun lugar a outro. A atmosfera é practicamente transparente ás radiacións de pequena lonxitude de onda; pola contra, as de gran lonxitude de onda son absorbidas en gran medida polo dióxido de carbono, o ozono e o vapor de auga.

    4. radiación contraria / [AERON/METEOR]

      Porción da radiación atmosférica que é devolta á Terra, cuxo principal responsable é o vapor de auga.

    5. radiación cósmica de fondo [ASTRON]

      Radiación electromagnética que provén de todas as direccións do espazo, resultado da superposición no espazo das emisións individualmente débiles de fontes que emiten principalmente nas bandas de radio e de raios X. Un dos compoñentes da radiación cósmica de fondo é a radiación cosmolóxica de fondo.

    6. radiación cosmolóxica de fondo/universal [ASTRON]

      Radiación electromagnética proveniente de todas as direccións do espazo, que presenta a mesma intensidade en calquera delas, e cuxa distribución de enerxías é semellante á que emite un corpo negro á temperatura de 3K. Considérase que é a emisión residual do Big Bang que, segundo o modelo cosmolóxico estándar, deu lugar ao actual Universo. Foi descuberta por A. A. Penzias e R. W. Wilson en 1964; posteriormente, R. Dicke e os seus colaboradores propuxeron que podería tratarse da radiación residual proposta por G. Gamow no seu modelo cosmolóxico.

    7. radiación de freada [FÍS]

      bremsstrahlung.

    8. radiación de Hawking [FÍS]

      Efecto previsto teoricamente por S. Hawking baseándose na relatividade xeral e na mecánica cuántica, polo que un burato negro pode emitir certo tipo de radiación, debido ao seu aumento de entropía.

    9. radiación de sincrotrón [FÍS]

      Radiación electromagnética emitida por un electrón que xira nunha órbita circular, e que presenta catro propiedades que a fan moi útil: é unha emisión moi focalizada no plano da órbita; o seu espectro de emisión é continuo (radiación branca) e presenta un máximo a unha lonxitude de onda; e é unha radiación moi intensa e totalmente polarizada no plano da órbita.

    10. radiación efectiva / [ASTRON/METEOR]

      Diferenza ou balance entre a radiación emitida pola superficie terrestre (radiación terrestre) e a absorbida proveniente da atmosfera (radiación contraria). Mídese co piroxeómetro. Algúns autores denomínana tamén balance de radiación de onda longa.

    11. radiación solar / [ASTRON/METEOR]

      Enerxía emitida polo Sol en forma de radiación electromagnética. Pode ser considerada como unha colección ou espectro de ondas dunha ampla gama de lonxitudes de onda, e o seu espectro está constituído por raios X (0,002 ìm-0,010 ìm); raios gamma e raios ultravioletas (0,010 ìm-0,400 ìm), cuxo conxunto transporta o 9% da enerxía total; raios visibles (0,410 ìm-0,700 ìm), que representan o 41%; e raios infravermellos (0,700 ìm-1 000 ìm), que implican o 50%. Defínese como radiación de onda curta o intervalo que comprende lonxitudes de onda entre 0,2 ìm e 5 ìm, e como radiación de onda loga o intervalo comprendido entre 5 ìm e 100 ìm; polo tanto, o 99% da radiación solar é de onda curta. A Terra recibe, por termo medio, un fluxo de radiación aproximadamente igual a 2 cal/cm 2 min, valor chamado constante solar. A atmosfera absorbe e reflicte unha parte importante da radiación solar. Por termo medio, para a superficie terrestre, só o 53% da radiación que chega ás capas superiores da atmosfera alcanza o solo. Esta fracción chámase radiación global e está constituída polos raios que teñen unha traxectoria ininterrompida (radiación directa) e por outros que foron previamente reflectidos e refractados pola atmosfera (radiación difusa). Para medir a radiación directa empréganse os pirheliómetros, e para a radiación global os piranómetros.

    12. radiación terrestre / [ASTRON/METEOR]

      Enerxía emitida pola superficie terrestre en forma de radiación electromagnética, como consecuencia do quecemento que experimenta a Terra pola absorción da radiación solar, e que está xeralmente localizada na rexión dos raios infravermellos.

  2. s f [MAT]
    1. Conxunto de figuras xeométricas que teñen un punto común. Así, fálase de radiación de rectas ou de radiación de planos.

    2. Figura cunha disposición radial.

  3. radiación adaptativa [BIOL]

    Conxunto de procesos polos que se chegaron a diferenciar os grandes grupos de organismos vivos.