Real Academia de Bellas Artes de San Fernando
Institución fundada en Madrid pola Real Cédula de Filipe V o 13 de xullo de 1744, para promover o estudo e cultivo da pintura, escultura e arquitectura. En 1747 someteuse ao patrocinio de san Fernando e coa celebración da súa apertura oficial en 1752 na Casa de la Panadería, erixiuse como a primeira academia oficial de España, instituída por Fernando VI como Real Academia de las Tres Nobles Artes de San Fernando. En 1773 Carlos III trasladouna a un palacio barroco, propiedade de Juan de Goyneche, que foi posteriormente reformado en estilo neoclásico por Diego de Villanueva. A súa actividade centrouse no ensino das artes e en 1845 naceu, baixo o seu amparo, a Escuela Superior de Bellas Artes. Organízase nas seccións de Pintura, Arquitectura, Música e Escultura y Artes de la Imagen. Dela depende a Calcografía Nacional, creada en 1789. Desde 1996 está composta por 54 membros numerarios, ademais dos académicos correspondentes e honorarios. Está integrada no Instituto de España e conta co Museo de Bellas Artes creado por Carlos III en 1774. Foi declarada BIC (1971).