Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales
Institución fundada en Madrid por Real Decreto de 25 de febreiro de 1847 que ten como obxectivo promover o estudo e o progreso das ciencias, así como normalizar e establecer os criterios a seguir en investigación científica, coa creación de dicionarios técnicos, diversas publicacións e cursos. Ten a súa orixe na Academia Naturae Curiosorum (1657) de Madrid, que foi substituída en 1834 pola Academia de Ciencias Naturales, que se suprimiu coa creación desta real academia. Desde 2001 está composta por 54 membros numerarios, 90 correspondentes nacionais e académicos supernumerarios e correspondentes estranxeiros. Organízase nas seccións de Exactas, Físicas y Químicas e Naturales. Está incorporada ao Instituto de España. Publica a Revista de la Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, creada en 1850 co título Revista de los progresos de las Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, e, desde 2001 a Serie A Matemáticas de la RACSAM, que recolle as contribucións dedicadas ás matemáticas.