Real Filharmonía de Galicia
Conxunto filharmónico que se creou en Santiago de Compostela o 29 de febreiro de 1996. No seu inicio foi dirixida polo mestre alemán Helmuth Rilling e como segundo director por Maximino Zumalave, aínda que contou con numerosos directores convidados como Enrique García Asensio, sir Peter Maxwell Davies ou sir Neville Marriner. Está composta por un número variable de instrumentistas de corda, vento e percusión e ten a súa sede no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Nas súas actuacións contou con importantes solistas como o violoncellista M. Rostropovič, a mezzosoprano Teresa Berganza, a pianista Alicia de Larrocha ou o frautista Jean-Claude Gérard. En 1998 realizou unha serie de concertos por toda Europa e participou no Grosse Festspielhaus de Salzburgo, dentro da Semana Mozart. Ese mesmo ano comezou a gravación das sinfonías completas de Franz Schubert para a discográfica Hänssler Classic e inaugurou a primeira edición do Compostela Millenium Festival. En 1999 levou a cabo unha segunda serie de concertos europeos, dos que destacan o Festival Europeo de Música de Stuttgart. En 2000 produciuse un relevo na dirección musical e Helmuth Rilling foi substituído polo mestre Antoni Ros Marbà.