República Española, Primeira
Período da historia de España comprendido entre o 11 de febreiro de 1873, data da proclamación da República polas Cortes tras a abdicación de Amadeo I, ata o 29 de decembro de 1874, data da proclamación de Afonso XII en Sagunto polo xeneral Martínez Campos e coa que comezou a Restauración. Distínguense dous períodos: o parlamentario, que se estendeu ata o golpe do xeneral M. Pavía o 3 de xaneiro de 1874, e o presidencialista, cando se fixo cargo do executivo o xeneral F. Serrano que pechou o Sexenio Revolucionario (1868-1874). Durante o primeiro período sucedéronse catro presidentes: Estanislau Figueras i de Moragas, Francesc Pi i Margall, Nicolás Salmerón Alonso e Emilio Castelar Ripoll. A dialéctica política da República explícase pola pugna entre os republicanos unitarios, centralistas e de tendencia conservadora, e os republicanos federais. Pi i Margall non puido estruturar a república federal porque os federais intransixentes, impacientes, quixeron implantala desde abaixo, apoiándose nas xuntas e nos cantóns. Salmerón plantou cara á Insurrección Cantonalista e o seu sucesor, Castelar, acentuou o carácter relativamente autoritario do seu goberno. Precisamente, para evitar un xiro cara ao federalismo Pavía deu o golpe de estado. Este mesmo día un grupo de políticos, principalmente unitarios, designou ao xeneral Serrano xefe do executivo. Serrano instaurou un réxime autoritario e conservador, pero sin apoios na opinión pública e non opuxo resistencia á proclamación de Afonso XII que desembarcou en Barcelona o 9 de xaneiro de 1875. En Galicia, o republicanismo federal venceu nas eleccións ás Cortes Constituíntes de maio de 1873 ao acadar 37 dos 45 escanos que lle correspondían a Galicia. O seu programa tiña como piares básicos a redención foral, a cuestión do ferrocarril e a organización de Galicia no proxecto de estado federal. Os conflitos que condicionaron a vida política española tamén se reflitiron en Galicia e en xuño de 1873 creouse o Batallón de Voluntarios Francos Galaicos, coa finalidade de combater os carlistas e soster a orde pública en Lugo e Ourense. En agosto de 1873 levaron a cabo unha sublevación en Viana do Bolo e proclamaron a República Federal Intransixente e Social, pero, atacados polo exército, fuxiron a Portugal. Durante o mandato de Salmeron aprobouse a Lei de Redención Foral (20.8.1873), que só estivo en vigor seis meses.