Restauración

Restauración

Período da historia de España que comprende desde o 29 de decembro de 1874, en que se proclamou a Afonso XII como rei de España, ata o 14 de abril de 1931, data da proclamación da Segunda República. Correspóndese co reinado de Afonso XII (1874-1885), a rexencia de María Cristina de Austria (1885-1902) e o reinado de Afonso XIII (1902-1931). Distínguense tres etapas. A primeira (1874-1876) é a de instalación e consolidación do novo sistema. Comeza co pronunciamento do xeneral Arsenio Martínez de Campos en Sagunt (29.12.1874) e a formación do ministerio rexencia presidido por Antonio Cánovas del Castillo. Tentábase desprazar aos militares da vida política e converter a coroa en fonte de poder mediante un goberno no que os partidos conservadores e libeais alternasen por quendas e no que a manipulación do sufraxio fose algo corrente para que as forzas políticas tivesen representación parlamentaria. Neste sistema o control da demarcación territorial era básico, feito que provocou que se desenvolvese o caciquismo. Cánovas foi o artífice de todo o sistema e da Constitución de 1876 coa que se trataba de lexitimalo. Nunha segunda etapa (1876-1898) institucionalizouse e estabilizouse o sistema, e neutralizáronse pero non se resolveron ningún dos problemas que se presentaban: a crise colonial (1868-1898), o intento rexeneracionista das clases medias e da pequena burguesía, o internacionalismo obreiro (fundación do PSOE en 1897) e o problema presentado polo nacional-rexionalismo. O período final (1898-1923), de crise e descomposición do sistema, comezou coa perda das colonias (1898) e co inicio da aventura neocolonial africana (1909). No verán de 1917, a rebelión das Juntas Militares de Defensa, a Asemblea de Parlamentarios reunida en Barcelona, e a folga xeral revolucionaria fixeron perigar a estabilidade da coroa. O fracaso da Guerra de Marrocos (Desfeita de Annual, 1921) acelerou o proceso de degradación dun réxime parlamentario corrupto. A Ditadura de Primo de Rivera (1923-1929) foi o principio da fin do sistema restauracionista. A oposición ao sistema concentrouse nos sectores autoritario e ultranacionalista, intelectual progresista e proletario que desarmaron ideoloxicamente ao réxime, que caeu coa proclamación da Segunda República (14.4.1931).