Revolución Rusa de 1905
Movemento revolucionario que tivo lugar en Rusia en 1905, que comezou co Domingo Vermello. Entre finais de 1904 e principios de 1905, mentres as derrotas dos exércitos rusos a mans dos xaponeses minguaban a confianza no tsar, o éxito da folga dos traballadores do petróleo en Bakú fortaleceu o movemento obreiro. O domingo 22 de xaneiro (9 de xaneiro, segundo o calendario xuliano vixente en Rusia), unha gran manifestación pacífica tentou entregarlle ao Tsar Nicolao II un memorial onde se demandaban melloras nas condicións de vida, liberdades democráticas e a convocatoria dunha asemblea constituínte. A manifestación foi disolta con brutalidade e deseguido comezaron folgas en numerosos centros industriais, que evolucionaron en auténticos movementos revolucionarios. A inminencia dunha folga xeral forzou o Tsar Nicolao II a anunciar a convocatoria dunha Duma polo Manifesto de Outubro.