Revolución Rusa

Revolución Rusa

Proceso revolucionario que puxo fin á autocracia dos tsares e levou á instauración dun réxime socialista en Rusia. Levado a cabo durante 1917 diferéncianse dúas fases: a Revolución de Febreiro, que forzou a abdicación do Tsar Nicolao II, e a Revolución de Outubro, que deu o poder ao partido dos bolxeviques. O movemento revolucionario de 1905 amosou que Rusia era unha “polvoreira”, e a Primeira Guerra Mundial coas repetidas derrotas do exército ruso e a desfeita da economía, foi o detonante que a fixo estoupar. A finais de febreiro de 1917 a insurrección xeneralizouse nas principais cidades, onde xurdiron movementos revolucionarios e soviets, co que o goberno imperial tivo que dimitir. O comité executivo da Duma converteuse nun goberno provisional con predominio liberal, baixo a presidencia do príncipe G. E. L’vov. Nicolao II abdicou en favor do seu irmán o gran duque Miguel, quen non tentou reinar, e a monarquía quedou en suspenso. O goberno provisional preconizou a continuación da guerra e o aprazamento das grandes reformas ata a convocatoria dunha nova Duma, feito que o enfrontou aos partidos de esquerda. As derrotas militares e as protestas provocaron a dimisión de L’vov o 20 de xullo e Aleksandr F’odorovič Kerenskij relevouno e tratou de afirmar a súa autoridade baseándose nun preparlamento, depositario da soberanía nacional ata a reunión dunha asemblea constituínte. Os bolxeviques rexeitaron participar e comezou o enfrontamento con Kerenskij. A insurrección estourou a noitiña do 24 de outubro e en menos de 24 horas os bolxeviques ocuparon os centros vitais da capital case sen atopar resistencia. A mesma noite do 25 ao 26 inaugurouse o Segundo Congreso dos Soviets, onde os bolxeviques eran maioría, que asumiu todos os poderes e aprobou os decretos sobre a paz e a terra (expropiación das grandes propiedades) e designou un novo goberno, o Consello dos Comisarios do Pobo, presidido por Vladimir Il’jič Lenin e composto exclusivamente por bolxeviques. Xurdía así o primeiro réxime socialista.