Rías Baixas
Conxunto de rías que se corresponden coa parte S da costa atlántica galega. Entre os concellos de Muros, ao N, e Baiona ao S, ábrense as ría de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra, Aldán e Vigo. Xeomorfoloxicamente son rías transversais, tanto no que respecta á costa, como na orientación dos antigos dobramentos. A ría de Muros e Noia ten unha morfoloxía típica de fractura que se alonga en dirección SO-NL. A súa marxe dereita é máis recortada ca a esquerda, e as áreas chairas son menos frecuentes. A dinámica fluvial de arroios como o Valdexeira e o Cernados, creou un relevo recortado no que son frecuentes antigos niveis mariños, sobre todo entre Muros e punta Carreiro. No fondo da ría e no sector meridional dos ríos Donas e Santaballa, modeláronse distintos glacis cunha dirección N-S, a mesma que seguen pequenas fracturas aproveitadas polos diferentes leitos de auga. Na marxe esquerda da ría, entre a vila de Noia e Corrubedo, a morfoloxía aparece dominada polo nivel costeiro de 100 m, que enlaza coas abruptas ladeiras da serra do Barbanza. A fronte litoral está caracterizada por formas suaves, pouco recortadas, e con formacións areosas. Superado o bloque rochoso da serra do Barbanza éntrase na ría de Arousa. Na súa marxe esquerda, a morfoloxía caracterízase por un dominio total do nivel costeiro que nas terras do Salnés enlaza, por medio do río Umia, coa Depresión Meridiana no sector de Caldas de Reis. A chaira, a 100 m de altitude, alóngase coas superficies a 400 e 500 m que forman os montes Castrove, xa cerca da ría de Pontevedra. Dentro da ría de Arousa hai diferentes niveis mariños, na Illa de Arousa, no val do Salnés e na enseada da Toxa, onde é posible contemplar un predominio das formacións lamosas de pouca profundidade bañadas polas mareas. As formacións areosas dominan no Grove, onde destaca o enlace con terra firme por medio do extenso areal da Lanzada, no que aparecen dunas e restos de praias mariñas antigas. A ría de Pontevedra ten unha dirección SO-NL que parece estar en relación cunha fractura aberta. Os seus bordos ofrecen pequenos tramos aplanados coa presenza dun nivel costeiro de 100 m, especialmente no seu enlace coa ría de Arousa polo N, no sector de Sanxenxo, ou cara a ría de Vigo, ao S por Bueu. Entre estes sectores e os montes Castrove ou a pequena serra de Domaio, a morfoloxía do relevo faise máis movida a consecuencia da incisión de pequenos arroios que seguen liñas de fractura cunha dirección N-S, paralelas á Depresión Meridiana. O mesmo proceso ocorre no fondo da ría, no curso baixo do Lérez, que se prolonga en dirección N, cara a Caldas de Reis, e S, cara a Redondela. Na parte máis occidental da ría, onde se enlaza coa Depresión Meridiana, o relevo é máis aberto, dando lugar a pequenos glacis e conos torrenciais de formas suaves. Os vestixios de antigos niveis mariños encóntranse en Sanxenxo e Marín, lugares onde tamén dominan as formacións lamosas. As acumulacións areosas presentes, son menos abundantes ca noutras rías. A ría de Aldán, situada na marxe N da península do Morrazo, ten unha disposición meridiana. A cabeceira sitúase na praia de Vilariño, onde desemboca o río Fiais e remata nas puntas do Bon, na marxe L, e na punta do Couso, na marxe O. Cara ao S, atópase a ría de Vigo. Morfoloxicamente resulta ser moi parecida á de Pontevedra, aínda que máis ampla. Ofrece o mesmo aspecto de fractura, e nas súas marxes obsérvase de novo a existencia dun relevo achairado, máis acusado nos seus sectores meridionais ca nos setentrionais. Aquí, o nivel costeiro dos 100 m continúase por Cangas ata Moaña, onde o relevo se fai máis escarpado a medida que se achega a Rande. Pola contra, na marxe esquerda, entre Rande e o val do Miñor, as áreas chairas son frecuentes. Aproveitando os vales do río Fragoso e Miñor, estas chairas introdúcense cara ao interior. No sector meridional da ría existen diferentes glacis, sobre todo na parte baixa do val do Miñor. Aquí, na baía de Baiona e praia América destacan as formacións areosas, fundamentalmente dunas, hoxe moi degradadas pola acción do home. As áreas lamosas dominan na desembocadura do Miñor. En praia América consérvanse restos de depósitos mariños antigos. Na boca da ría de Vigo alzanse as Illas Cíes, que ofrecen unha orixinalidade xeomorfolóxica e unha gran riqueza biolóxica, formando parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Tras a ría de Vigo e ata a desembocadura do Miño, fronteira con Portugal, a costa faise abrupta, sen apenas entrantes e saíntes.